Mellorarán a eficiencia enerxética do PAC e da Casa do Concello de Palas de Rei

LugoXa
O Concello obtén unha axuda para actuar no illamento térmico de ambos edificios e prevé ampliar este tipo de actuacións ao CPI, á Casa da Cultura e ao Centro Residencial
acordo-eficiencia-enerxética-Palas-de-Rei
10 Jul 2026

O Concello de Palas de Rei acometerá melloras de eficiencia enerxética e illamento térmico no edificio do Punto de Atención Continuada (PAC Comarcal) e na Casa do Concello tras conseguir unha axuda destinada a este tipo de actuacións.

A administración local chegou a un acordo coa empresa Veripro, encargada da xestión do Programa de Certificados de Aforro Enerxético (CAE), que permitirá executar estes traballos sen que supoñan ningún custo para as arcas municipais.

O alcalde, Pablo Taboada, mantivo un encontro cos responsables da compañía, que estiman que as actuacións realizadas permitirán un aforro anual superior aos 4.400 euros para o Concello. Desa cantidade, arredor de 3.000 euros corresponderán ao Centro de Saúde, mentres que preto de 1.000 euros procederán da redución do consumo na Casa do Concello.

Segundo destaca o rexedor, Palas de Rei convértese nunha das primeiras administracións galegas en formalizar un convenio deste tipo para impulsar actuacións de eficiencia enerxética a través do sistema de Certificados de Aforro Enerxético.

Pablo Taboada avanzou ademais que o Concello xa traballa na planificación de novas actuacións para o próximo ano. Entre elas figuran melloras de illamento térmico e eficiencia enerxética no CPI de Palas de Rei, na Casa da Cultura e tamén no Centro Residencial.

Veripro é unha empresa especializada en solucións para mellorar a eficiencia enerxética de vivendas, comunidades de propietarios e edificios residenciais mediante actuacións como o illamento térmico en cubertas, co obxectivo de reducir o consumo enerxético e incrementar o confort. Estas intervencións fináncianse a través do sistema de Certificados de Aforro Enerxético (CAE), impulsado polas grandes compañías enerxéticas, e a empresa acompaña aos clientes durante todo o proceso, desde a avaliación inicial ata a entrega da documentación final.

0.11740684509277