Miguel Fernández alerta de que o novo goberno non recuperou o ritmo de xestión municipal

LugoXa
O portavoz socialista cualifica de “alarmante” que a Xunta de Goberno Local aprobase este venres apenas catro asuntos, todos eles xa encamiñados polo anterior Executivo
Miguel-Fernández,-alcalde-de-Lugo
7 Jun 2026

O portavoz do Grupo Municipal Socialista, Miguel Fernández, denunciou a situación de “bloqueo de facto” que, ao seu xuízo, sofre o Concello de Lugo apenas un mes despois da chegada de Elena Candia á Alcaldía tras a moción de censura promovida polo Partido Popular coa colaboración da concelleira tránsfuga.

Fernández cualificou de “alarmante e profundamente preocupante” que a Xunta de Goberno Local celebrada este venres aprobase unicamente catro asuntos, unha cifra que considera impropia dunha administración do tamaño e das necesidades do Concello de Lugo neste momento do ano. “Existen periodos do ano nos que se pode dar esta situación pero non no mes de xuño. Mal vamos”, asegurou. Ademais, subliñou que os expedientes aprobados “non responden a ningunha iniciativa do novo Goberno, senón que xa estaban previamente preparados, tramitados ou encamiñados polo Executivo socialista”.

“O dato é demoledor. Levan un mes ocupando a Alcaldía e son incapaces de incrementar o ritmo de asuntos que pasan polos órganos de goberno. O que estamos vendo é unha administración practicamente paralizada e un Goberno que vive exclusivamente da inercia dos proxectos que lle deixamos preparados”, afirmou que alerta de que non se están aprobando licenzas urbanísticas.

O portavoz socialista contrapuxo esta situación coa actividade desenvolvida durante as últimas semanas do anterior mandato. “Nunha soa semana do noso Goberno aprobamos máis asuntos dos que o Executivo de Candia foi capaz de sacar adiante durante todo un mes. Esa comparación evidencia por si mesma a diferenza entre un Goberno que traballaba con planificación e outro que chegou ao poder sen proxecto, sen prioridades e sen capacidade para xestionar”, asegurou.

Fernández considera que os datos desmontan o relato político construído polo Partido Popular para xustificar a moción de censura. “Prometeron un cambio para acelerar Lugo e o único que conseguiron foi frear a cidade. A realidade é que a súa operación política provocou unha interrupción do funcionamento normal da administración local nun momento no que había numerosos proxectos en marcha e decisións importantes que requirían continuidade”, sinalou.

Segundo o líder socialista, a falta de actividade nos órganos de goberno comeza a trasladarse xa a distintos ámbitos da vida municipal. “Cada expediente que non avanza, cada contrato que se atrasa e cada decisión que queda gardada nun caixón acaba repercutindo nos servizos públicos, nos investimentos e nas oportunidades da cidade. A parálise política sempre acaba converténdose nun problema para a cidadanía”, advertiu.

O portavoz do PSOE lucense lamentou ademais que o primeiro mes do novo Executivo estea caracterizado pola propaganda e non polos resultados. “Ata o momento vimos moitas fotografías, moitos anuncios e moitos intentos de apropiarse de actuacións que xa estaban en marcha. O que non vimos é unha capacidade real para impulsar novos proxectos nin para incrementar o ritmo de traballo da institución”, afirmou.

Fernández sostén que o actual Goberno municipal está demostrando que a súa única folla de ruta foi a propia moción de censura. “Tiñan un plan para chegar á Alcaldía, pero non tiñan ningún plan para gobernar Lugo. Esa é a conclusión que cada día resulta máis evidente. Pasado un mes, a cidade segue vivindo dos proxectos herdados mentres o novo Executivo continúa sen ofrecer respostas nin iniciativas propias”.

Por último, o portavoz socialista advertiu que o Grupo Municipal Socialista realizará un seguimento exhaustivo da actividade municipal e esixirá explicacións sobre o atraso acumulado. “Lugo non pode permitirse un Goberno instalado na autocompracencia mentres a administración perde pulso. Os veciños e veciñas merecen unha institución dinámica, eficaz e centrada en resolver problemas, non un Executivo bloqueado pola súa propia incapacidade para transformar unha operación política nun proxecto de cidade”, concluíu.

0.12623500823975