Miguel Fernández insta a Candia a dinamizar o aparcadoiro disuasorio da Avenida Breogán

LugoXa
O portavoz socialista advirte de que a escasa utilización da infraestrutura evidencia a mala planificación da Xunta e reclama medidas para fomentar o seu uso
aparcamento-avenida-breogan-miguel-fernandez
4 Jul 2026

O portavoz do Grupo Municipal Socialista, Miguel Fernández, instou hoxe ao Goberno de Candia a impulsar medidas que permitan dinamizar o uso do aparcadoiro disuasorio construído pola Xunta de Galicia na Avenida Breogán, advertindo de que a escasa ocupación que presenta actualmente "corre o risco de converter unha infraestrutura que custou arredor dun millón de euros nun investimento sen utilidade para a cidade".

Fernández asegurou que o Concello non pode limitarse a contemplar como unha infraestrutura pública permanece practicamente baleira. "Un aparcadoiro disuasorio só cumpre a súa función cando consegue atraer usuarios e modificar os hábitos de mobilidade. Se iso non sucede, o que queda é unha obra moi custosa que non resolve ningún problema", afirmou.

Neste sentido, o portavoz socialista pediu ao Executivo local que, en colaboración coa Xunta, analice actuacións que permitan incrementar a utilización deste espazo. Entre outras posibilidades, sinalou que poderían estudarse campañas informativas, unha mellor sinalización desde os accesos á cidade, a integración con itinerarios peonís e ciclistas ou incluso incentivos vinculados ao estacionamento regulado, sempre no marco dunha estratexia global de mobilidade.

"O importante é que exista vontade política para facer útil unha infraestrutura que hoxe non está cumprindo os obxectivos cos que foi presentada", indicou.

"Foi un proxecto executado sen respectar a planificación urbanística da cidade, pasando por riba do PXOM e sen coordinación coa estratexia municipal de mobilidade. Ademais, durante as obras sufríronse importantes problemas de escorrentías e numerosas incidencias que xa puxeran de manifesto a falta de planificación coa que se estaba actuando", recordou.

"O resultado está á vista. Un proxecto que naceu mal acaba ofrecendo un rendemento moi inferior ao esperado porque nunca respondeu a unha visión global da cidade", afirmou.

Fernández lembrou que a actuación executada pola Xunta supuxo un investimento próximo ao millón de euros para habilitar un aparcadoiro disuasorio de 5.700 metros cadrados, dotado con 148 prazas de estacionamento, das que catro están reservadas para persoas con mobilidade reducida, e con dous accesos diferenciados, un polo norte e outro polo sur. "Sobre o papel parecía unha infraestrutura chamada a mellorar a mobilidade da cidade. Porén, a realidade demostra que foi concibida sen analizar previamente as necesidades reais da contorna nin a maneira de integrala nun modelo de mobilidade coherente", sinalou.

O portavoz socialista criticou tamén que o proxecto non incorporase finalmente algunhas das prestacións anunciadas inicialmente pola propia Xunta. "Prometeuse un aparcadoiro moderno, con sistemas de videovixilancia para reforzar a seguridade e con puntos de recarga para vehículos de mobilidade alternativa, pero hoxe comprobamos que nin unha cousa nin a outra forman parte da infraestrutura. É outro exemplo máis dunha actuación presentada con grandes anuncios e que remata quedando moi por debaixo das expectativas creadas", censurou.

O líder socialista contrapuxo esta forma de actuar ao modelo desenvolvido polo anterior Goberno municipal. "Nós sempre defendemos que as grandes transformacións deben responder a unha planificación seria, integrada e coordinada. Cada investimento ten que formar parte dun proxecto de cidade e non dunha suma de actuacións inconexas pensadas para obter un titular ou un rendemento electoral inmediato", asegurou.

Fernández advertiu de que esta actuación representa un exemplo máis do modelo que o Partido Popular pretende implantar en Lugo. "O PP segue demostrando que carece dunha visión de cidade. Actúa a golpe de ocorrencia, sen planificación e sen avaliar se as súas decisións responden realmente ás necesidades dos lucenses. Ese non é o camiño que necesita Lugo", sostivo.

"Nós temos un proxecto para Lugo. Un proxecto que entende que cada euro público debe servir para mellorar a mobilidade, a calidade de vida e o futuro da cidade. As infraestruturas non poden construírse para inaugurar, senón para ser utilizadas. E cando unha obra millonaria non cumpre a súa función, o responsable político ten a obriga de reaccionar e corrixir esa situación antes de resignarse ao fracaso", concluíu.

0.1034619808197