Miguel Fernández reivindica os proxectos estratéxicos para impulsar o desenvolvemento do Sagrado Corazón

O portavoz do Grupo Municipal Socialista, Miguel Fernández, mantivo un encontro de traballo con veciños, veciñas e representantes do tecido asociativo do barrio do Sagrado Corazón co obxectivo de analizar o futuro desta zona da cidade en cuestións relacionadas coa mobilidade, a vivenda e os servizos públicos.
Durante a reunión, Fernández reafirmou o seu compromiso de continuar defendendo os proxectos estratéxicos impulsados durante o anterior mandato municipal para este barrio e asegurou que o Sagrado Corazón afronta unha oportunidade de transformación que podería permitir superar décadas de illamento e converterse nunha das zonas con maior potencial de crecemento de Lugo.
No ámbito da mobilidade, o portavoz socialista destacou a importancia da apertura do paso de cidade vinculado á futura estación intermodal, unha actuación que permitirá mellorar a conexión do barrio co resto da cidade e co centro histórico a través do sistema de ramplas e ascensores previsto na estratexia Novo Norte. Segundo explicou, esta infraestrutura contribuirá a eliminar o illamento que historicamente sufriu esta contorna.
A esta intervención engádese a remodelación integral da avenida Adolfo Suárez e do acceso á cidade pola Fervedoira, unha actuación deseñada durante o anterior mandato e cuxa primeira fase está a executar actualmente a Deputación Provincial. Fernández sinalou que ambos proxectos representan actuacións estruturais que transformarán a mobilidade, mellorarán a seguridade viaria e favorecerán o crecemento ordenado do barrio.
Outro dos asuntos abordados durante o encontro foi a necesidade de que a Xunta complete o desenvolvemento do Plan Paradai coa mellora da Calzada das Gándaras, unha demanda histórica da veciñanza que, segundo apuntou o portavoz socialista, continúa pendente de execución.
En materia de vivenda, Fernández analizou coas persoas asistentes o proxecto promovido pola Xunta para a construción de máis de 1.200 vivendas na contorna do barrio. O portavoz advertiu de que a proposta presentada supera aproximadamente nun 20 % a edificabilidade prevista no PXOM e considera que podería ter consecuencias urbanísticas, sociais e paisaxísticas.
Segundo explicou, o Grupo Municipal Socialista non cuestiona o desenvolvemento urbanístico nin a creación de novas vivendas, pero considera necesario garantir un crecemento equilibrado que respecte o planeamento municipal, preserve a calidade de vida da veciñanza e evite situacións de masificación.
En relación cos servizos públicos, Fernández lembrou a petición realizada polo grupo socialista para que o actual Executivo complete a expropiación dos terreos do antigo colexio do Sagrado Corazón, un procedemento que, segundo indicou, quedou preparado antes da moción de censura. O obxectivo desta actuación é facilitar a construción do futuro centro de saúde reclamado desde hai anos pola veciñanza.
Ademais, o portavoz reiterou a súa proposta para que esa parcela poida converterse nun complexo sociosanitario que incorpore tamén unha escola infantil pública e un centro de día para dar resposta ás necesidades presentes e futuras do barrio.
Ao remate do encontro, Miguel Fernández e os representantes veciñais acordaron celebrar unha nova reunión unha vez finalizado o verán para facer seguimento dos proxectos previstos e avaliar o seu grao de desenvolvemento.