“Monte - versión estendida” chega ao auditorio Gustavo Freire cunha proposta escénica sobre identidade e migración

LugoXa
A peza de Laboratorio Escénico estrearase o 17 de abril ás 20:30 horas cunha reflexión artística sobre mulleres, fronteiras e memoria
Monte-laboratorio-escénico-Lugo
16 Apr 2026

O Auditorio Municipal Gustavo Freire acollerá o venres 17 de abril de 2026 ás 20:30 horas a estrea de 'Monte - Versión Estendida', unha proposta escénica de Laboratorio Escénico S. Coop. Galega que afonda nas historias de mulleres marcadas polas fronteiras e polo corpo como única equipaxe.

A obra parte das vivencias de mulleres que deixaron atrás a súa terra de orixe e aprenderon a habitar novos espazos, transformándose no tránsito entre culturas. Neste contexto, o monte emerxe como un lugar cargado de simbolismo, entendido como espazo de segredos, refuxio da memoria e territorio sacro no que se entrelazan o visible e o oculto, configurándose como un punto común onde conflúen o espiritual, o popular e o sincrético.

A través do movemento e da música, a proposta converte o corpo nun arquivo vivo dunha identidade híbrida, revelando os procesos de reinvención destas mulleres nun escenario no que as fronteiras se dilúen e o sentido de pertenza se reconfigura constantemente.

A dirección artística e a coreografía corren a cargo de Maura Morales, mentres que o concepto é de Alba Fernández. A creación e dirección musical están asinadas por Iván Doval. No elenco de danza participan Ana Beatriz Pérez, Estefanía Gómez e Alba Fernández, mentres que na parte musical interveñen Diana Tarín, Amaury Quintero, Alfredo Álvarez, Pablo Hernández e Octavio Vargas.

O equipo complétase coa iluminación de Afonso Castro, o vestiario de Carolina Díguele e a escenografía a cargo da propia Díguele xunto con Isabel O'Connor (Vara 3). Os técnicos en xira son Afonso Castro e Dyango Pérez, mentres que a produción e distribución corresponden a Laboratorio Escénico S. Coop. Galega. A fotografía e vídeo están realizados por Raquel Castro, Octavio Vargas e EME Comunicación, e o deseño gráfico foi elaborado por Manchea S. Coop. Galega.

0.13789200782776