Monterroso acollerá en xullo a XIII Concentración Moteira con exhibicións, música e actividades

LugoXa
O encontro organizado polo Motoclube Ó Corte celebrarase os días 18 e 19 de xullo con acampada gratuíta e a participación de Emilio Zamora
presentacion-concentración-moteira-Monterroso-26
18 Jun 2026

Monterroso converterase os días 18 e 19 de xullo no punto de encontro dos afeccionados ás dúas rodas coa celebración da XIII Concentración Moteira, unha cita que contará cun amplo programa de actividades, exhibicións e propostas de lecer.

O Concello de Monterroso figura entre os principais patrocinadores deste evento organizado polo Motoclube Ó Corte, que incluirá espectáculos de stunt, xogos moteiros, actuacións musicais e acampada gratuíta para as persoas inscritas.

Na presentación do cartel participaron o alcalde de Monterroso, Eloy Pérez, o concelleiro Balbino Martínez e membros do Motoclube Ó Corte. A organización prevé que a concentración se converta no gran punto de encontro do motociclismo galego durante esa fin de semana de xullo.

A programación comezará o sábado 18 de xullo ás 16:00 horas coa apertura das inscricións. Unha hora máis tarde desenvolveranse diferentes xogos moteiros, entre os que figuran probas de ruído e carreiras de sacos. Ás 19:00 horas terá lugar a primeira exhibición de stunt a cargo de Emilio Zamora, unha das actividades máis destacadas do evento.

A xornada continuará ás 22:00 horas cunha cea para os participantes e, xa á medianoite, celebrarase unha segunda exhibición de Emilio Zamora, seguida dunha sesión musical amenizada por un DJ.

As actividades retomaranse o domingo 19 de xullo ás 09:00 horas cun almorzo para os asistentes. Ás 11:00 horas está prevista unha ruta turística libre con pinchos, mentres que ás 13:00 horas terá lugar unha sesión vermú. O programa concluirá ás 14:30 horas cun xantar de confraternidade, o sorteo de agasallos e a entrega de trofeos.

A organización destacou ademais que a concentración estará aberta a todo tipo de público e informou de que as inscricións terán un custo de 50 euros na modalidade completa e de 35 euros na modalidade reducida.

0.12713098526001