Monterroso acondiciona 1,4 quilómetros de camiños para mellorar as comunicacións entre varias parroquias

LugoXa
As actuacións permitirán renovar o firme e mellorar a drenaxe de dúas vías municipais entre Curuxas, Viloíde e Traslama
mellora-estradas-Monterroso
3 Sep 2026

Un total de 1,4 quilómetros de camiños municipais de Monterroso están a ser acondicionados para mellorar as comunicacións entre Curuxas e Viloíde, así como entre Traslama e Curuxas.

As obras inclúen a limpeza dos foxos, a instalación de drenaxe transversal da plataforma e a renovación do pavimento mediante o estendido dunha capa de aglomerado en quente.

Na conexión entre Traslama e Curuxas tamén se contempla a mellora da sinalización vertical e horizontal ao longo de todo o treito.

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Alfonso Villares, visitou Viloíde acompañado polo alcalde de Monterroso, Eloy Pérez, para comprobar o avance dos traballos, que se atopan actualmente en execución.

As actuacións contan cun investimento de 61.650 euros procedente da nova convocatoria do Plan Camiña Rural. Villares destacou que este tipo de intervencións "contribúen a facilitar a accesibilidade no medio rural, a fixar poboación e a incrementar a competitividade das explotacións agrarias", ademais de poñer en valor a colaboración entre administracións para desenvolver obras con impacto directo na vida diaria da cidadanía.

A última convocatoria deste programa autonómico, correspondente ás anualidades 2026-2027, mobiliza preto de 19 millóns de euros no conxunto de Galicia. Os fondos están destinados a financiar actuacións de ampliación ou mellora de camiños que formen parte da rede viaria de acceso a unha ou varias entidades de poboación.

0.10067200660706