Monterroso celebrará o 16 de outubro a Festa da Terceira Idade

Monterroso celebrará o vindeiro 16 de outubro a Festa da Terceira Idade, unha xornada organizada polo Concello para reunir as persoas maiores do municipio nun día de convivencia e confraternidade. A celebración terá lugar na Cúpula.
As persoas interesadas en participar poderán inscribirse entre o 6 e o 13 de outubro nas oficinas municipais ou a través dos pedáneos e alcaldes de barrio das distintas parroquias.
A participación será gratuíta para as persoas xubiladas empadroadas no Concello de Monterroso.
A programación comezará ás 12:00 horas cunha misa na igrexa parroquial de Monterroso. Ás 13:00 horas, a Banda EGS ofrecerá un concerto e, despois do xantar, será a quenda do Dúo Trasnos.
O Goberno local anima a participar nesta celebración, concibida como un espazo de encontro para as persoas maiores do municipio.