Monterroso prepara a quinta edición da Carreira 10K cun percorrido circular entre natureza e paisaxe

O Concello de Monterroso, en colaboración co GDR Miño-Ulla, organiza a quinta edición da Carreira 10K Monterroso, unha cita deportiva que terá lugar o vindeiro 5 de setembro e que volverá combinar deporte e contorna natural.
A carreira contará cun percorrido circular de 10 quilómetros, que permitirá aos participantes descubrir parte da paisaxe do municipio. O itinerario sairá en dirección a Vilanova, continuará ata Cumbraos de Abaixo e finalizará no Local Lecer de Cumbraos, atravesando diferentes espazos naturais do concello.
Desde a organización animan tanto a corredores habituais como a afeccionados ao deporte a participar nesta xornada, pensada para gozar da natureza e do atractivo paisaxístico de Monterroso mentres se practica actividade física.
As persoas interesadas poden obter máis información contactando co concelleiro Balbino Martínez no teléfono 625 349 719.