Monterroso reclamará á distribuidora eléctrica polos reiterados cortes de luz do 9 de setembro

LugoXa
O Concello denuncia interrupcións de varias horas no casco urbano e núcleos rurais e reclama información máis precisa sobre as avarías e os prazos de reposición
Concello Monterroso
10 Sep 2026

O Concello de Monterroso trasladará unha reclamación formal á empresa distribuidora de enerxía eléctrica (UFD Distribución Electricidad, S.A., do grupo Naturgy) polos reiterados cortes de subministración rexistrados o mércores 9 de setembro en diferentes puntos do municipio, que afectaron tanto ao casco urbano como a varios núcleos rurais.

Segundo as incidencias comunicadas ao Concello ao longo da xornada, nalgunhas rúas o subministro permaneceu interrompido durante varias horas, mentres que noutras zonas se sucederon os cortes e as reposicións da enerxía. En varios núcleos rurais houbo vivendas que, segundo a información recibida, permaneceron sen luz desde arredor do mediodía ata pasadas as 19:00 horas.

As interrupcións provocaron inconvenientes para a veciñanza e tamén para establecementos de hostalería, comercios, empresas e explotacións gandeiras, algunhas das cales dependen dun subministro eléctrico continuo para o funcionamento das súas instalacións.

O alcalde de Monterroso contactou telefonicamente coa empresa distribuidora a través do servizo habilitado para comunicar incidencias e avarías. Porén, segundo explica o Concello, a conversa non permitiu obter unha explicación concreta sobre a orixe das interrupcións, a posible existencia dunha avaría nin unha previsión clara sobre a reposición do servizo.

O Goberno municipal considera especialmente preocupante que, malia os cortes comunicados pola cidadanía, estas incidencias non aparecesen reflectidas de maneira clara no mapa de avarías consultado.

Por este motivo, o Concello remitirá unha reclamación formal á compañía para solicitar unha explicación detallada do sucedido e reclamar as actuacións necesarias para mellorar a fiabilidade e a calidade das redes de distribución eléctrica no municipio.

Reclama un servizo de atención máis operativo

A reclamación incluirá tamén a petición dun servizo de atención de incidencias e avarías que permita aos usuarios coñecer información concreta sobre a súa zona, a orixe da incidencia e unha estimación razoable dos prazos de reposición do subministro.

O Concello considera pouco razoable que os usuarios dunha rede de distribución situada en Galicia dependan exclusivamente dun servizo xeral que, en determinadas ocasións, non ofrece información básica sobre a localización da incidencia ou mesmo sobre o municipio afectado.

Neste sentido, solicitará que a compañía dispoña dunha atención técnica suficientemente especializada para Galicia, con persoal coñecedor do territorio, da estrutura da rede e dos municipios aos que presta servizo.

O alcalde lembra ademais que, cando as interrupcións están motivadas por traballos programados de mantemento ou mellora da rede, a distribuidora debe informar previamente aos consumidores afectados. O Real decreto 1955/2000 establece unha comunicación mínima de 24 horas de antelación, na que debe indicarse a hora prevista de inicio e finalización do corte.

A Oficina Municipal de Información ao Consumidor, á disposición dos afectados

O Concello informa finalmente de que as persoas que sufrisen danos en aparellos eléctricos ou outros prexuízos como consecuencia das interrupcións poden acudir á Oficina Municipal de Información ao Consumidor, situada na planta baixa do Centro Sociocultural, para recibir asesoramento e tramitar a correspondente reclamación.

O Concello de Monterroso asegura que continuará trasladando á empresa distribuidora as incidencias que afecten á calidade e continuidade dun servizo considerado esencial para os fogares, comercios, empresas e explotacións gandeiras do municipio.

0.15897798538208