Nace Cabaleiros Castroverde, unha nova asociación que organizará a súa primeira ruta cabalar en 2027

Castroverde conta cunha nova asociación dedicada á promoción da cultura ecuestre. Trátase de Cabaleiros Castroverde, unha iniciativa impulsada por un grupo de veciños e amantes dos cabalos que nace co obxectivo de recuperar e poñer en valor as tradicións relacionadas co mundo ecuestre no municipio.
Como primeira actividade oficial, o colectivo anunciou a celebración da I Ruta Cabalar Castroverde, que terá lugar o 29 de maio de 2027. A cita pretende reunir afeccionados e participantes nunha xornada de convivencia para compartir a súa paixón polos cabalos e dar visibilidade á afección existente na localidade.
Desde a asociación amosan a súa ilusión por este primeiro encontro e confían en que sexa o comezo dunha iniciativa con continuidade, coa intención de organizar novas actividades e contribuír á recuperación da tradición cabalar en Castroverde.