Nace en Lugo a Asociación Cultural Entre a Néboa para difundir a lingua e cultura galega

LugoXa
Algunhas das aspiracións futuras de Entre a Néboa son as de organizar concertos, coloquios ou talleres que contribúan á vitalidade cultural en Lugo
Nova-Asociación-Entre-a-Néboa-Lugo
17 Apr 2025

Nace unha nova asociación cultural en Lugo da man de sete rapaces e rapazas que teñen o obxectivo de difundir a lingua e cultura galega entre a mocidade mediante distintas actividades que axuden a dinamizar a vida artística da cidade e dos seus arredores.

Entre a Néboa, que é o nome da asociación, presentouse na praza da Mosqueira, xermola co gallo de “fortalecer o tecido cultural do entorno a través de encontros onde a tradición estará moi patente” tal e como explican desde a directiva.

Precisamente, este ano no que se homenaxea ás cantareiras polas Letras Galegas, as integrantes desta proposta asociativa desexan sumarse tamén ao recoñecemento: “O logo, autoría de Alba Buide, xa manifesta o compromiso que queremos manter coa nosa herdanza musical, pois cabo da muralla e a néboa aparece unha pandeireta”, explica Brenda González, a presidenta da asociación.

Ademais, González salienta que Entre a Néboa ten un obxectivo moi claro que é o de espallar a lingua e historia galega entre a mocidade: “Consideramos relevante que a xente nova teña acceso a puntos de reunión onde haxa espazo para o estudo ou a reflexión en torno ás nosas tradicións”, afirma; e lembra que tamén están moi interesadas en apoiar variadas disciplinas artísticas.

Por ese motivo, algunhas das aspiracións futuras de Entre a Néboa son as de organizar concertos, coloquios ou talleres que contribúan á vitalidade cultural en Lugo. “Ademais, confiamos en establecer diálogos xeracionais que poden ser moi estimulantes, pois é un xeito de que a xuventude se achegue a quen os precedeu para seguir o ronsel”, aseguran. En mente teñen xa ideas concretas nas que están a traballar e que presentarán nas vindeiras semanas.

⚙ Configurar cookies
0.1681649684906