Nace o primeiro laboratorio de neuromarketing do sistema universitario galego en Lugo

A Facultade de Administración e Dirección de Empresas (ADE) do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) conta co primeiro laboratorio específico de neuromarketing do sistema universitario galego. O Neuromarketing Lab, impulsado pola Xunta de Galicia e coordinado por Belén Bande, catedrática de Marketing e Investigación de Mercados, nace co obxectivo de achegar a investigación científica ás necesidades das empresas e axudalas a comprender mellor o comportamento dos consumidores.
O laboratorio permite estudar aspectos que non sempre se poden coñecer a través das enquisas ou das entrevistas, xa que parte da atención e das reaccións emocionais prodúcense de maneira automática. Para iso, emprega diferentes tecnoloxías biométricas integradas na plataforma iMotions, que permiten analizar as respostas das persoas desde distintas perspectivas.
Entre as ferramentas dispoñibles están o seguimento ocular, que identifica cara a onde se dirixe a mirada e que elementos captan a atención; a electroencefalografía (EEG), que rexistra a actividade eléctrica cerebral e achega información sobre a carga cognitiva e a resposta emocional; e a resposta galvánica da pel (GSR), que mide cambios fisiolóxicos asociados á activación emocional. O equipamento complétase coa análise das expresións faciais e da voz.
Estas técnicas permiten investigar, por exemplo, que elementos dun envase atraen máis a atención, como se procesa un anuncio publicitario, que partes dunha experiencia dixital requiren maior esforzo cognitivo ou como reaccionan os consumidores ante diferentes propostas comerciais. Os resultados complementan os métodos tradicionais de investigación de mercados e achegan información adicional para avaliar alternativas antes de tomar decisións.
Un dos obxectivos principais é colaborar co tecido empresarial lucense, especialmente en sectores como a alimentación, a gastronomía e o turismo. No ámbito agroalimentario, estas ferramentas poden axudar a analizar o deseño de envases e etiquetas, a presentación dos produtos, as estratexias publicitarias ou a percepción das diferentes experiencias de consumo.
Desde o laboratorio aclaran que non se trata de ofrecer fórmulas universais para aumentar as vendas, senón de xerar coñecemento que permita ás empresas tomar decisións mellor fundamentadas e adaptar as súas propostas ás necesidades dos consumidores.
O proxecto tamén ten unha vertente formativa, xa que permitirá ao alumnado dos graos en ADE e Empresa e Tecnoloxía familiarizarse con tecnoloxías avanzadas de investigación de mercados e combinar estas ferramentas cos métodos tradicionais. Ademais, abre novas posibilidades de colaboración con outros grupos de investigación da USC, empresas e institucións.