Nadela recupera este domingo a histórica Feira do San Pedro tras décadas sen celebrarse

A carballeira de Nadela volverá converterse este domingo, 28 de xuño, no escenario da Feira do San Pedro, unha celebración tradicional que levaba varias décadas sen celebrarse na localidade e que agora regresa da man da Asociación Cultural Entre a Néboa. A entidade promove a recuperación desta cita histórica co obxectivo de trasladar ás novas xeracións unha parte importante do patrimonio cultural e da memoria colectiva da zona.
Desde a organización destacan que esta iniciativa pretende recuperar unha tradición fondamente ligada á identidade local, facendo posible que a feira "chegue ao presente para recoller tal herdanza e facer partícipes ás novas xeracións das nosas tradicións".
A xornada dará comezo ás 11:00 horas e desenvolverase ao longo de todo o día cun amplo programa de actividades culturais e musicais. Entre as actuacións previstas destaca a presenza de Os Carunchos, que actuarán ás 13:30 horas.
Xa durante a tarde, a programación continuará cun obradoiro infantil a cargo de Branca Villares e Mano Panforreteiro. Posteriormente, ás 19:30 horas, será a quenda da actuación das Pandeiretas da Volta do Agro. A organización prevé pechar a xornada cunha gran foliada que dará comezo arredor das 20:45 horas.
A celebración contará tamén con diversos postos de artesanía abertos ao público ao longo do día. Ademais, a entidade anima ás persoas asistentes a acudir coa súa propia merenda, recuperando así un dos costumes máis característicos desta feira tradicional.
Desde Entre a Néboa mostran a súa confianza en que esta recuperación teña continuidade nos próximos anos e expresan a súa vontade de consolidar unha cita que, segundo sinalan, continúa presente no recordo dos veciños de Nadela.
Non obstante, a asociación tamén trasladou a súa preocupación pola falta de actuacións de limpeza no campo da feira. Desde a entidade agardan que o Concello poida solucionar esta situación nos días previos á celebración para garantir o correcto desenvolvemento da actividade.