Navia acolle esta fin de semana a Ruta da Androlla 4x4

Navia de Suarna celebra durante esta fin de semana a Ruta de Androlla 4x4 organizada polo Club Ancares 4x4
Ruta Androlla Navia portada
Ruta Androlla Navia portada
16 Feb 2023

Navia de Suarna acolle a Ruta da Androlla 4x4 que organiza o Club Ancares 4x4 esta fin de semana e na que se agarda a presenza duns cen participantes procedentes de Galicia e doutros puntos de España, como Cataluña e Asturias.

O programa comezará a noite do venres 17 cunha recepción e a entrega de documentación aos participantes. A ruta partirá o sábado 18 da localidade de Navia de Suarna con saída sobre as nove da mañá, e discorrerá principalmente por montes deste concello, aínda que tamén se adentrará en Cervantes.

O percorrido está pensado para ser de carácter turístico atravesando zonas de dificultade media ou baixa, co que se buscan fomentar que se coñeza este entorno da montaña luguesa e potenciar a limpeza do monte, no que levan meses acondicionando accesos para a celebración da proba.

A partir das sete da tarde aproximadamente os vehículos participantes, todoterreos e buggies, comezarán a chegar de volta a Navia e o domingo continúa a programación con probas de habilidade no circuito de Grandela e coa entrega de premios.

A Ruta da Androlla, de longa tradición, celebra este ano a cuarta edición organizada polo Club Ancares 4x4.

0.15194606781006