Navia de Suarna celebrará a Festa da Androlla este domingo

O Concello de Navia de Suarna organiza o vindeiro 19 de febreiro a 32 edición da festa a androlla, produto típico da zona
Festa Androlla
Festa Androlla
15 Feb 2023

O Concello de Navia de Suarna celebra a XXXII Festa da Androlla que terá este domingo 19 de febreiro. Neta 32 edición está prevista a venda de 4.000 quilos deste produto.

O programa de actividades arrancará ás 10.00 horas co pasacalles a cargo do grupo de gaitas e unha proba de habilidades; ás 10.30 horas dará comezo a XXXII Festa da Androlla e a apertura de stands, onde ao longo de todo o día poderanse adquirir produtos típicos e tamén artesanais.

Ás 13.00 horas haberá degustación de androlla na Praza da Vila e ás 15.00 horas recupérase o xantar oficial. A clausura terá lugar ás 18.00 cunha actuación musical.

O Pazo de San Marcos acolleu hoxe a presentación desta festa onde participaron a deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e o alcalde de Navia de Suarna, José Fernández Fernández acompañados da produtora de androlla María del Carmen Sánchez, propietaria de Embutidos Suarna.

A institución provincial colabora con esta cita gastronómica, que “supón un revulsivo importante a nivel económico para Navia, e tamén contribúe a promocionar o concello e, polo tanto, a dinamizar a actividade turística, da hostalería e do comercio”, subliñou a deputada.

Tamén felicitou ao alcalde a todo o seu equipo de Goberno “polo excelente traballo que están facendo, tanto para mellorar o día a día dos seus veciños e veciñas, como por seguir impulsando, con enerxía e ilusión, iniciativas como a Festa da Androlla”.

“Falar da androlla é falar de gastronomía tradicional. Dun produto de primeira calidade, elaborado coas materias primas excepcionais que facilita o noso sector primario. Gandeiros e produtores, sector primario e pemes, son un exemplo dese tecido produtivo fundamental para a pervivencia do noso rural e co que mantemos liñas de colaboración para a modernización, a dixitalización ou a incorporación laboral de mozos, mulleres e parados de longa duración”, sinalou a deputada.

García Porto destacou que a Festa da Androlla é así mesmo “unha cita turística, que promove ese modelo sostible e de proximidade polo que apostamos dende a Deputación de Lugo. Un turismo que, atraído pola gastronomía, quere consumir ou mercar un produto local en establecementos comerciais ou hostaleiros da zona”.

José Fernández destacou que “a Festa da Androlla é unha das máis consolidadas a nivel gastronómico na provincia e en Lugo. Este produto é unha tradición no concello de Navia de Suarna dende fai moito tempo e é unha forma de dar a coñecer a nosa vila a todas as persoas que se acheguen”.

CARTEL FESTA DA ANDROLLA 2023
0.19242286682129