Navia de Suarna mellorará dous treitos das estradas provinciais con 302.000 euros

O Concello de Navia de Suarna contará con actuacións de mellora en dous treitos de estradas provinciais tras a aprobación pola Deputación de Lugo da licitación das obras, cun orzamento de 302.837,88 euros.
Os traballos desenvolveranse na LU-P-3505, a estrada que conecta Navia de Suarna con Cervantes por Donís e que constitúe un dos principais accesos a Piornedo. A actuación afectará o tramo comprendido entre os quilómetros 8,640 e 11,250.
A intervención tamén chegará á LU-P-3503, que comunica a localidade naviega de Silvouta coa cervantega de Vilor. Neste caso, acondicionarase un treito de algo máis dun quilómetro desde o inicio da vía, que dá servizo ás parroquias de Folgueiras, Santa Mariña de Vallo e Son.
En ambas as estradas, as obras incluirán a limpeza e reapertura das cunetas para mellorar a drenaxe, a renovación do firme mediante aglomerado en quente e a reposición da sinalización horizontal e vertical.
A Deputación sinala que a LU-P-3505 é unha vía de especial relevancia para a comarca da Montaña, pola que circulan habitualmente ciclistas, afeccionados ao sendeirismo e visitantes que se achegan aos Ancares. O prazo de execución previsto para as actuacións é de catro meses desde o inicio das obras.