Negueira de Muñiz contará cunha nova autoformigoneira para mellorar a execución de obras municipais

A Xunta de Goberno adxudicou a contratación dunha autoformigoneira para o Concello de Negueira de Muñiz por un importe de 153.065 euros, un equipamento co que se busca mellorar a capacidade operativa do municipio na execución e mantemento das obras públicas.
Segundo se informou, esta máquina permitirá producir, mesturar, transportar e descargar formigón de forma directa, o que supón unha mellora significativa na xestión das actuacións municipais. Na comarca da Fonsagrada non existe actualmente fábrica de formigón, polo que o transporte deste material desde outras zonas resulta complexo e elevado en custo, unha situación que esta adquisición pretende paliar.
A colaboración permitirá así que un concello pequeno poida reducir gastos e gañar eficiencia na realización de obras. A licitación contempla a adquisición dunha autoformigoneira autocargable de 3,5 metros cúbicos de capacidade de amasado, considerada un vehículo versátil e de especial utilidade nun municipio rural pouco poboado pero cunha ampla rede de infraestruturas que manter.