O alcalde avanza poder conectar Lugo con Madrid co compromiso de Renfe

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, reuniuse co presidente de Renfe, Álvaro Fernández Heredia, nun encontro de traballo que resultou “moi produtivo” e do que saiu o compromiso da operadora pública para mellorar as conexións ferroviarias da cidade.
Entre as propostas asumibles a curto e medio prazo, priorízase implantar un servizo que permita chegar a Madrid antes das 10:30 horas, facilitando así que os usuarios poidan realizar xestións e regresar a Lugo no mesmo día.
Fernández destacou a importancia de incrementar as frecuencias e axustar os horarios, sobre todo a primeira hora da mañá, para conectar con alta velocidade e facilitar a mobilidade da poboación. Renfe acordou elaborar xunto ao Concello un estudo-proposta que será enviado ao Ministerio de Transportes para avanzar na súa posible implantación o máis axiña posible. Este paso supón unha mellora significativa para reducir as desigualdades actuais coas outras capitais galegas.
O alcalde salientou que “non podemos ter unha estación intermodal moderna, da que gozaremos en menos dun ano, sen trens que nos permitan chegar a Madrid a primeira hora”, cualificando esta demanda como lóxica e urxente. Entre as peticións máis inmediatas están establecer unha conexión matinal con Madrid antes das 10:30 e recuperar unha frecuencia de regreso en horario de tarde para facilitar as xestións na capital.
Ademais, Miguel Fernández defendeu unha serie de actuacións a medio prazo para conseguir un modelo ferroviario máis xusto e eficiente para Lugo, como reforzar as conexións con Ourense para mellorar enlaces cos servizos AVE e AVLO, avanzar no estudo dunha liña directa Lugo–Santiago e recuperar as conexións directas con Barcelona e a cornixa cantábrica, perdidas coa supresión do tren hotel e o servizo Arco.
O rexedor rematou subliñando que Lugo non pide privilexios, senón igualdade, horarios útiles, máis frecuencias e estar no Corredor Atlántico de mercadorías, aspectos que cualificou como unha cuestión de xustiza e de futuro para a cidade.
CRÍTICAS DO PP
O Grupo Municipal Popular lamenta que o alcalde de Lugo "volva vender como un éxito político un simple estudo sen prazos nin investimentos concretos", acordado co presidente de Renfe, !sen ningún tipo de compromiso real por parte do Goberno central".
Así, din que é "indignante que o alcalde se poña medallas por sentarse a falar de facer un estudo, cando o que Lugo necesita son trens, frecuencias e investimentos xa”.
E engaden que “entre o estudo de viabilidade da conexión con Santiago, que levan varios meses enredando sen resultados, e este novo ‘estudo-proposta’, o que fan é seguir dándolle patadas cara adiante a unha infraestrutura esencial para o futuro de Lugo".