O alumnado do IES San Xillao descobre os produtos ecolóxicos galegos a través dunha degustación

O alumnado dos ciclos de Cociña, Hostalería e Turismo do IES San Xillao de Lugo participou nunha degustación de produtos ecolóxicos certificados de Galicia organizada polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega). A iniciativa forma parte dun programa educativo co que a entidade busca familiarizar os futuros profesionais do sector coas características e posibilidades destes alimentos.
A actividade contou coa participación do presidente do Craega, Francisco López Valladares, e do xefe do Servizo Territorial de Inspección Educativa de Lugo, Íñigo Barreiro. Tamén asistiron o xefe do Servizo Territorial do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) en Lugo, José Manuel Ferreiro; o xefe do Servizo de Explotacións Agropecuarias en Lugo, Pablo Iglesias, e a directora do centro educativo, Yolanda Sal, entre outras autoridades.
O programa desenvólvese tanto en Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP) como en institutos de educación secundaria e combina contidos teóricos con experiencias prácticas na cociña. Ademais de coñecer a diversidade de alimentos ecolóxicos producidos e elaborados en Galicia, o alumnado recibe información sobre o sistema de certificación e as vías para contactar cos produtores e adquirir os seus produtos.
A degustación permitiu tamén achegar aos estudantes o traballo que hai detrás dos alimentos ecolóxicos certificados. Neste proceso participan produtores agrícolas, gandeiros e acuícolas, así como empresas comercializadoras e o propio Craega, responsable de garantir a certificación ecolóxica e impulsar este modelo de produción en Galicia.
Con este tipo de accións, o Consello Regulador pretende fomentar o coñecemento e a valoración dos produtos ecolóxicos entre os futuros profesionais da gastronomía. O obxectivo é que estes alimentos teñan unha maior presenza nas cociñas e nos establecementos hostaleiros, ao tempo que se incrementa a súa visibilidade entre os consumidores.