O Arde Lvcvs Cvltvral programa case 20 actividades para celebrar o 25 aniversario da festa en Lugo

O programa Arde Lvcvs Cvltvral impulsado polo Concello de Lugo reunirá preto de 20 actividades co gallo do 25 aniversario desta celebración, cunha proposta que abrangue cultura, historia, patrimonio, deporte, lecer e turismo.
Así o explicou o concelleiro responsable da área, Jorge Bustos, quen destacou a implicación de clubs deportivos, asociacións de recreación histórica e do Servizo Municipal de Arqueoloxía para desenvolver un programa paralelo aos actos centrais da festa, que terá lugar entre o 18 e o 21 de xuño.
O edil lembrou que esta programación xa botou a andar no mes de abril coa celebración da Asemblea Nacional da Asociación Española de Festas e Recreacións Históricas, acompañada dun desfile polo centro urbano e de obradoiros de EcoPercusión impartidos nos centros educativos, que culminarán o 19 de xuño cunha actuación na Praza da Soidade.
A vertente histórica e patrimonial terá un papel destacado, con propostas como a exposición dunha maqueta de Lvcvs Avgvsti a escala, visitas guiadas polos espazos vinculados á festa ou a celebración do oitavo Congreso Internacional da Sociedade de Estudos da Cerámica Antiga en Hispania. Tamén se inclúe a tradicional conta atrás do Arde Lvcvs, prevista para o 30 de maio na Mosqueira.
O deporte será outro dos eixos desta programación, empregándose como ferramenta de difusión do evento a nivel estatal. Neste sentido, organizaranse accións promocionais coincidindo co encontro entre o Club Deportivo Lugo e o Zamora Club de Fútbol o 10 de maio no Anxo Carro, así como no partido entre o Club Baloncesto Breogán e o Bàsquet Girona o 16 de maio no Pazo. Ademais, o Breogán presentará unha camisola conmemorativa polo 25 aniversario da festa.
A programación inclúe tamén actividades como a exposición sobre os 25 anos do Arde Lvcvs durante os meses de maio e xuño, a ruta pétrea por Adai o 9 de maio, a final dos xogos romanos de taboleiro o 16 de maio ou un obradoiro de traxes castrexos e romanos os días 6 e 13 de xuño.
Outras propostas destacadas serán a actividade “Aqua Sacra et Viva”, que abordará a viaxe da auga desde o manancial ata as termas romanas o 28 de maio; unha visita guiada ao patrimonio do Arde Lvcvs o 5 de xuño; e a celebración do congreso internacional de cerámica antiga o 12 de xuño no Vello Cárcere.
Xa na semana previa á festa, desenvolveranse iniciativas como o “Annus Argenteus”, un escape room interactivo na Praza Maior entre os días 15 e 17 de xuño, a presentación dunha escultura conmemorativa o 15 de xuño e a actividade “Os sons do Arde Lvcvs. Eco percusión” o 19 de xuño na Praza de Santa María.
O programa complétase coa exposición “Lucus Augusti a escala”, que se poderá visitar entre o 15 de maio e o 15 de xuño, reforzando unha oferta que pretende consolidar o Arde Lvcvs como un referente cultural máis alá dos días centrais da festa.