O Arde Lvcvs promocionarase na Feira Internacional de Turismo de Lisboa xunto a Braga

GaliciaXa | LugoXa
Un plan conxunto entre Lugo e Braga permitirá desfiles de tropas e lexións e a promoción das festas históricas de ambas cidades
reunión-en-Braga-Arde-Lucus-Lugo
5 Feb 2026

A área de Alcaldía do Concello de Lugo promoverá o Arde Lvcvs na Feira Internacional de Turismo de Lisboa grazas a un plan conxunto cos Concellos de Lugo e Braga, que contempla, entre outras accións, a participación coordinada neste evento, como parte da campaña de internacionalización da vixésimo quinta edición desta festa.

Así o confirmou o concelleiro de Xuventude, Jorge Bustos, máximo responsable do Arde Lvcvs, tras unha reunión celebrada en Braga con responsables do concello portugués, da festa Braga Romana e do Eixo Atlántico, organismo que reúne varios concellos galegos e do norte de Portugal. No encontro analizouse non só a participación conxunta na feira de Lisboa, que terá lugar do 25 de febreiro ao 1 de marzo, senón tamén que as tropas e lexións de ambas cidades protagonicen un desfile polas rúas máis emblemáticas da capital portuguesa. Deste xeito búscase promocionar tanto Braga Romana, que se celebrará do 21 ao 24 de maio, como a edición vixésimo quinta do Arde Lvcvs, que terá lugar do 18 ao 21 de xuño.

Para Jorge Bustos, “os desfiles das tropas, tribos e lexións das asociacións lucenses son un dos actos máis espectaculares do Arde Lvcvs e que xeran maior expectación, polo que cremos que a posibilidade de mostrar parte deste potencial e facelo conxuntamente cos colectivos de Braga pode ser un gran incentivo para a promoción de ambas festas, e tamén das dúas cidades desde un punto de vista turístico moito máis amplo”.

Sobre estas novas liñas de promoción da festa de recreación histórica de Lugo, o edil responsable da súa organización destacou tamén que “trátase dunha iniciativa para divulgar internacionalmente a festa e cremos que con moitas posibilidades, pola proxección que ten a BTL, que ademais de centenares de destinos de todo o mundo, reúne durante uns días obradoiros temáticos, presentacións de destino, probas gastronómicas e presentacións culturais”.

Ademais, Jorge Bustos subliña outro aspecto positivo da participación na BTL: “afianzar a unión das urbes de Braga e Lugo, irmandadas desde hai décadas, xunto a Astorga, como as tres cidades da Gallaecia do Noroeste Peninsular fundadas no nome do emperador Octavio Augusto”. Precisamente, esta unión “favorecerase tomando parte nesta feira e desfilando polas rúas de Lisboa, nunha recreación de tropas e lexións que agardamos teña igual ou máis visibilidade que cando se realizou en Madrid”.

Esta non é, con todo, a primeira vez que Braga e Lugo colaboran en actividades conxuntas. Como cidades irmandadas e con pasado romano compartido, ao longo dos anos houbo múltiples intercambios e colaboracións nas festas do Arde Lvcvs, que este ano cumpre 25 edicións, e de Braga Romana, que en maio celebrará 22 anos. “É habitual que colectivos de recreación histórica de Lugo viaxen a Braga, así como que asociacións da cidade portuguesa veñan a Lugo. De feito, o ano pasado distinguiuse entre as tropas estranxeiras á lexión VI Victrix de Bracara Augusta polo seu compromiso co Arde Lvcvs”, sinala Jorge Bustos.

A reunión en Braga, na que Jorge Bustos estivo acompañado da técnica municipal encargada da programación do Arde Lvcvs, serviu tamén para “abrir novas vías de colaboración a través do Eixo Atlántico para a promoción das dúas festas romanas. Unha delas será a difusión do vídeo proxectado en Fitur, producido para anunciar os 25 anos do Arde Lvcvs, nas canles de comunicación de Braga, co apoio do propio concello portugués e do resto de cidades que integran o Eixo Atlántico”, explica o responsable de Xuventude.

⚙ Configurar cookies
0.088738918304443