O Auditorio Fuxan Os Ventos acollerá a estrea de ‘As rúas do vento ceibe’

LugoXa
Máis de 300 persoas participarán nun espectáculo inédito baseado en poemas de Manuel María, Rosalía de Castro e Celso Emilio Ferreiro
concerto-As-ruas-do-vento-ceibe-Lugo
5 May 2026

O Auditorio Fuxan Os Ventos acollerá o vindeiro 15 de maio ás 20.30 horas o concerto ‘As rúas do vento ceibe’, unha proposta cultural de grande formato e entrada de balde que reunirá oito corais galegas e a Orquestra Sinfónica de Pontevedra arredor de textos de Manuel María, Rosalía de Castro e Celso Emilio Ferreiro.

O concerto supón a estrea dun proxecto impulsado pola Fundación Manuel María, que encargou ao compositor Carlos Seráns a creación musical a partir dos poemas de “As rúas do vento ceibe”. A iniciativa foi medrando ata configurar un repertorio de trece pezas, das cales once están baseadas en textos de Manuel María e as dúas restantes en versos de Rosalía e Celso Emilio Ferreiro.

A interpretación reunirá as voces de oito formacións corais: Coro do Hospital de Lugo, Coro Voces da Terra Chá, Coro Liceo de Vilagarcía, Coral Solfa de Compostela, Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra, Coro do IES A Xunqueira, Peque Coro in crescendo do Conservatorio Profesional de Música de Ferrol e o Coro de Cámara Thalassa de Marín, acompañadas pola Orquestra Sinfónica de Pontevedra baixo a dirección de David Fiuza.

A presentación do evento contou coa participación da deputada de Cultura Iria Castro, a concelleira Maite Ferreiro, o presidente da Fundación Manuel María Alberte Ansede e a presidenta da Asociación Cultural Solfa Lucía Carreira. Durante o acto destacouse o carácter excepcional dun espectáculo cualificado como “único” e “inédito”, que reunirá no escenario máis de 300 persoas e no que se estrearán a maioría das composicións.

Iria Castro puxo en valor a colaboración entre diferentes sensibilidades e agrupacións musicais de toda Galicia, mentres que Maite Ferreiro salientou a elección de Lugo como punto de partida dun proxecto cultural de país que reivindica a literatura galega, incidindo ademais na simboloxía de que a estrea teña lugar nun auditorio que leva o nome de Fuxan Os Ventos nas vésperas do Día das Letras Galegas.

Pola súa banda, Lucía Carreira destacou a emoción compartida polas formacións participantes, ao tempo que Alberte Ansede subliñou que Lugo será a primeira parada dun itinerario que continuará en Pontevedra o 29 de maio e en Santiago de Compostela o 30 de maio. Ansede lembrou tamén a vinculación de Fuxan Os Ventos coa figura de Manuel María, sinalando que a banda contribuíu de maneira decisiva á difusión musical da súa obra.

0.14584803581238