O Auditorio Gustavo Freire renova a súa dotación técnica nun contrato de 148.000 euros anuais

LugoXa
O Concello impulsa tamén a compra dun dumper para o cemiterio e adxudica o novo servizo de actividades extraescolares con máis horas de coordinación e apoio á diversidade
Auditorio-Gustavo-Freire-Lugo-lateral
6 May 2026

O Concello de Lugo vén de aprobar a adxudicación da dotación técnica integral do Auditorio Auditorio Gustavo Freire, nun contrato que busca modernizar e garantir o funcionamento completo deste espazo cultural tras varios intentos previos de adxudicación sen éxito.

O contrato inclúe tanto sistemas de iluminación como de son, ademais do equipamento técnico necesario e o persoal de sala e acceso. Entre os elementos contemplados figuran equipos de luz, mesas de control, maquinaria, cableado, altofalantes, microfonía e sistemas de son, así como o persoal encargado do funcionamento diario do auditorio.

A adxudicación recaeu na empresa ALENTI SOLUCIONES PARA EVENTOS, SLU, cun orzamento anual de 148.016,53 euros. O contrato terá unha duración inicial dun ano, con posibilidade de prórroga ata un máximo de cinco, co obxectivo de consolidar un servizo estable e completo para a programación cultural da cidade.

No mesmo ámbito de acordos da Xunta de Goberno Local, o Executivo municipal aprobou tamén a adquisición dun dumper destinado ao cemiterio municipal, cun orzamento de 42.000 euros e tramitación mediante procedemento aberto simplificado.

Ademais, adxudicouse o novo servizo de actividades extraescolares para os centros educativos, tras un curso no que, segundo explicou o tenente de alcaldesa Rubén Arroxo, o contrato anterior presentou problemas e chegou a ser sancionado.

O novo programa desenvolverase entre outubro e maio, con 74 horas semanais durante 32 semanas, e incrementa as horas de coordinación ata as 15, atendendo ás demandas das ANPAs e dos equipos directivos. Tamén inclúe 40 horas semanais de reforzo para alumnado con diversidade funcional.

O servizo foi adxudicado á empresa ACTIVIDADES FORMATIVAS S.L., cun importe anual de 58.380 euros, e terá vixencia ata 2027, con posibilidade de prórroga ata 2031.

0.13022613525391