O BNG acusa ao novo goberno local de Lugo de elaborar un cartel en español saltándose a ordenanza municipal

A elaboración por parte do novo goberno local de Lugo, en mans do PP, dun cartel para anunciar a Noite dos Museos en idioma español dispara as críticas de diferentes colectivos cidadáns e do BNG na véspera das letras galegas. O cartel, asinado polo goberno municipal, anuncia as actividades que se desenvolverán na Noite dos Museos para o luns 18 de maio.
Rubén Arroxo lembrou que o Concello de Lugo dispón dunha ordenanza, dende o ano 2012 e aprobada por unanimidade, sobre o uso do idioma. A ordenanza establece que o concello usará a lingua galega como idioma principal para as súas comunicacións. “Sáltanse os estatutos do PP e aprovéitanse do transfuguismo para chegar á alcaldía, é normal que se salten as ordenanzas municipais” dixo Arroxo que foi crítico co actual goberno por “incumprir todas as normativas vixentes”.
“A eliminación do nome da promoción da lingua foi premeditada e consecuente cos seus actos” dixo Rubén Arroxo referíndose a esta acción e engadiu “non pasaron nin 10 días dende a chegada do PP ao goberno e xa lle atacaron 2 veces a nosa lingua”. O BNG reclamará o uso do galego en todas as actividades “pero é especialmente grave que se faga mofa do uso do galego nas vésperas do 17 de maio” concluíu o voceiro municipal do BNG.