O BNG acusa ao PP de eliminar o festival Versos na Barraca da programación cultural de verán

A concelleira do BNG no Concello de Lugo, Iria Buide, criticou a desaparición do festival Versos na Barraca da programación cultural deste verán e asegurou que o PP "continúa a reducir a programación cultural da cidade". A edil nacionalista lembrou que esta é a primeira edición estival desde a creación da iniciativa, no ano 2020, na que a Mosqueira non acolle este ciclo de poesía e narración oral.
Buide destacou que Versos na Barraca estaba "plenamente consolidado" dentro da programación cultural do verán lucense e que se convertera nun referente da poesía galega, tanto pola resposta do público como pola calidade artística das súas propostas.
Segundo explicou, o festival reunía "os nomes máis destacados da narración oral galega co acompañamento musical de profesionais da cidade de Lugo", unha combinación que, ao seu xuízo, contribuíu ao éxito de asistencia acadado nas distintas edicións.
A concelleira lamentou a perda dunha iniciativa que, segundo afirmou, contribuía á dinamización cultural e á proxección da cidade. Neste sentido, asegurou que Versos na Barraca representaba "unha mostra do proxecto cultural do BNG", baseado nunha programación estable ao longo de todo o ano e reforzada durante os meses de verán con actividades ao aire libre para achegar a cultura á veciñanza.
Ao longo das súas diferentes edicións, o festival reuniu na Mosqueira a máis dun cento de artistas vinculados á poesía, á narración oral e á música. Entre eles figuran nomes como Antón Reixa, Yolanda Castaño, Manuel Rivas, Berta Dávila, Olga Novo, Lucía Aldao, María Lado, Chus Pato, Branca Novoneyra, Abraham Pérez, Ismael Ramos, Celso Sanmartín, Esther F. Carrodeguas, Rosalía Fernández Rial, Alba Cid, Lois Pérez, Eva Veiga, Silvia Penas ou Carlos da Aira, entre moitos outros.