O BNG acusa o PP de bloquear a ordenanza contra o ruído e apunta a posibles intereses particulares

A concelleira do BNG no Concello de Lugo, Maite Ferreiro, cuestionou a decisión do Goberno municipal do Partido Popular de non aprobar a Ordenanza de Contaminación Acústica, un texto que, segundo explicou, foi elaborado ao longo dun ano de traballo coa participación dos servizos técnicos municipais, a Policía Local, colectivos e asociacións.
Ferreiro criticou que agora o Executivo local cuestione a calidade da normativa despois de dispoñer dela desde o pasado mes de marzo. "Agora o Partido Popular di que a ordenanza está mal feita. Que están dicindo, que os técnicos municipais e a Policía Local fixeron mal o seu traballo?", preguntou.
A nacionalista defendeu que o obxectivo da ordenanza é dotar ao Concello de ferramentas para actuar ante os problemas relacionados co ruído e a convivencia veciñal, dando resposta a situacións como as que, segundo lembrou, se produciron en locais como As Palmeras.
Neste sentido, Ferreiro reprochou ao PP os cambios no seu discurso sobre a existencia da normativa. "Primeiro o Partido Popular dicía que non había ordenanza e agora di que existe, pero que está mal feita", afirmou.
A concelleira do BNG tamén puxo sobre a mesa a posibilidade de que existan intereses particulares detrás do bloqueo da aprobación. Para iso, referiuse á situación do concelleiro de Deportes e Xuventude, Damián Carballo, quen mantén un recurso contra o Concello pola limitación horaria que fora imposta no seu momento a un local da súa propiedade en Recatelo.
"Como concelleiro debería antepoñer os intereses xerais, pero neste caso crúzanse os intereses particulares cos intereses públicos", sinalou Ferreiro.
A denuncia do BNG inclúe tamén a resolución asinada este luns pola alcaldesa, Elena Candia, relativa a un establecemento de hostalería vinculado a familiares directos do concelleiro Damián Carballo. Segundo explicou Ferreiro, a resolución considera acreditados varios incumprimentos relacionados coa licenza, as medidas de seguridade e hixiene e a información ao público, polo que establece unha sanción de 1.041,60 euros.
Ademais da multa, o establecemento non poderá continuar coa actividade de bar-restaurante ata que regularice a documentación requirida polos servizos técnicos municipais. A resolución tamén advirte da posible precintaxe do local por parte da Policía Local.
"A miña teoría é que a negativa do PP a aprobar esta ordenanza pode estar relacionada co feito de que a súa aplicación poida afectar aos intereses particulares dun membro do propio goberno municipal", concluíu Maite Ferreiro.