O BNG alerta da falta de avances na mellora da contorna do CEIP Illa Verde

LugoXa
Rubén Arroxo asegura que a actuación conta cunha partida orzamentaria e lembra que o Goberno local se comprometeu en xuño a estudar alternativas para reforzar a seguridade do alumnado
arroxo-maite-illa-verde
20 Aug 2026

O BNG de Lugo reclamou ao Goberno municipal avances na actuación prevista para mellorar a contorna do CEIP Illa Verde, ante a proximidade do inicio do novo curso escolar. O seu portavoz, Rubén Arroxo, asegura que o proxecto está orzamentado, pero critica que polo momento non se coñezan novidades sobre a súa execución.

"Estamos a piques de comezar o curso, de finalizar o ano e a obra está orzamentada pero nada se sabe dela", sinalou Arroxo. Segundo explica a formación nacionalista, a intervención foi consensuada con representantes da comunidade educativa e está incluída na partida de 100.000 euros reservada para crear novos espazos seguros nas contornas dos centros escolares.

A demanda dá continuidade á iniciativa que o BNG levou ao Pleno municipal o pasado mes de xuño para solicitar que se mantivese o programa de mellora das contornas escolares. Os nacionalistas lembran que este plan comezou en 2019 con medidas destinadas a calmar o tráfico e incrementar a seguridade nas proximidades dos colexios.

Entre as actuacións xa desenvolvidas, Arroxo cita as realizadas en centros como o Luís Pimentel, o Rosalía de Castro ou o CEIP Anexa. Para o portavoz nacionalista, estas intervencións demostraron que a transformación e humanización dos espazos próximos aos centros educativos repercute positivamente na comunidade escolar.

No caso do Illa Verde, a principal problemática está relacionada cos desprazamentos que o alumnado realiza entre as diferentes instalacións do complexo educativo, situadas a ambos os dous lados da rúa Rei Xordo. Os estudantes teñen que cruzar unha vía aberta ao tráfico para trasladarse dun espazo a outro.

O Goberno local do PP xa abordou esta situación o pasado 24 de xuño nunha reunión dos concelleiros de Mobilidade, Antonio Ameijide, e Educación, Javier Vázquez, co equipo directivo do centro. Nese encontro, o Executivo comprometeuse a realizar os estudos necesarios para buscar unha solución que reforzase a seguridade do alumnado.

Daquela, o Goberno municipal anunciou tamén que presentaría unha proposta nas seguintes semanas, tendo en conta tanto a protección dos estudantes como a circulación de vehículos, as necesidades da veciñanza e o funcionamento do transporte público que pasa pola zona.

Agora, o BNG reclama que se concrete a intervención e que se utilice a partida prevista para avanzar na transformación deste espazo. Arroxo lembra que, antes da moción de censura, as áreas de Infraestruturas e Educación xa comezaran a traballar coa comunidade educativa do Illa Verde para definir as melloras necesarias.

0.13989591598511