O BNG alerta do risco de incendio en edificios da Tinería sen rehabilitar

LugoXa
Rubén Arroxo reclama unha actuación urxente para retirar a maleza acumulada e critica a paralización da renovación integral do barrio
Carril-dos-Fornos-Lugo
27 Jul 2026

O portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e a concelleira Cristina López visitaron o Carril dos Fornos, no barrio da Tinería, para denunciar o estado de varios inmobles en ruínas que permanecen sen rehabilitar. Segundo advertiu Arroxo, a acumulación de maleza no interior destes edificios incrementa o risco de incendio durante os episodios de altas temperaturas previstos para os próximos días.

O nacionalista sinalou que a previsión de novas xornadas de calor intensa converte a situación nun "verdadeiro risco" e reclamou unha actuación urxente para limpar a vexetación existente no interior das construcións e reducir así o perigo de que se produza un incendio.

Durante a visita, Arroxo criticou tamén o que considera un atraso na recuperación integral da Tinería por parte da Xunta de Galicia. Segundo afirmou, o proxecto de rehabilitación iniciado durante o Goberno bipartito foi abandonado tras a chegada de Alberto Núñez Feijóo á Presidencia da Xunta en 2009.

O portavoz do BNG lembrou que durante a execución dese plan se investiron máis de 20 millóns de euros para recuperar o barrio e asegurou que a iniciativa podería ter convertido a Tinería nun referente internacional en materia de rehabilitación de centros históricos.

Arroxo destacou ademais que o proxecto foi recoñecido en 2008 co Premio Dubai de Boas Prácticas das Nacións Unidas, unha distinción que valorou a recuperación do patrimonio, a rehabilitación urbana, a revitalización da actividade comercial e social, a creación de emprego, o aproveitamento dos locais de titularidade pública para o emprendemento e a posta en valor do patrimonio arqueolóxico da zona.

0.12847280502319