O BNG critica a reparación provisional dunha zona deteriorada da rúa San Roque

O BNG de Lugo criticou a actuación realizada polo Goberno municipal na intersección da rúa San Roque coa Rolda da Muralla, un dos puntos con maior tránsito de vehículos e peóns da cidade. A formación nacionalista considera insuficiente a resposta da área de Infraestruturas ante o deterioro do firme, xa que a intervención consistiu na colocación dunha chapa metálica sobre a zona afectada en lugar dunha reparación definitiva.
Segundo denuncia o BNG, o estado do pavimento presenta fochancas, parcheados deteriorados e unha tapa de rexistro en mal estado situada nas proximidades dun paso de peóns. A formación sostén que esta situación se prolonga desde hai máis dun mes e que o problema se agravou nas últimas semanas.
A concelleira nacionalista Maite Ferreiro sinalou que se trata dun punto especialmente sensible debido á elevada intensidade de tráfico e ao continuo paso de peóns ao longo da xornada. Neste sentido, considerou que unha solución provisional non resolve a orixe do problema nin garante as condicións adecuadas de seguridade e circulación.
Desde o BNG entenden que este caso evidencia unha falta de planificación no mantemento das infraestruturas municipais e reclaman unha actuación definitiva que permita reparar correctamente o firme. A formación defende ademais a posta en marcha dun plan de mantemento periódico que facilite a detección e resolución destas incidencias antes de que o deterioro obrigue a adoptar medidas temporais.
Os nacionalistas consideran que o mantemento preventivo das rúas debe ser unha prioridade para evitar o empeoramento das infraestruturas e garantir a seguridade da veciñanza.