O BNG critica o atraso na contratación da brigada antiincendios tras o lume en Penarrubia

LugoXa
A formación nacionalista asegura que o dispositivo municipal debería estar operativo desde o inicio do verán e acusa ao Goberno local de falta de planificación
Rubén-Arroxo-BNG-Orbazai
14 Aug 2026

O BNG de Lugo volveu reclamar ao Goberno municipal que acelere a posta en marcha da brigada de prevención e defensa contra incendios forestais, unha demanda que a formación leva realizando desde o inicio da campaña estival. Os nacionalistas consideran que o incendio rexistrado en Penarrubia, na parroquia de Orbazai, evidenciou os atrasos no proceso de contratación do persoal encargado deste servizo.

O portavoz municipal do BNG, Rubén Arroxo, asegurou que a brigada debería estar xa traballando nas parroquias do municipio, tal e como ocorreu en anos anteriores. Segundo indicou, a estas alturas do verán o operativo acostumaba estar plenamente activo realizando labores de limpeza e acondicionamento de terreos para reducir o risco de incendios.

Desde a formación lembran que as bases da convocatoria para contratar o persoal foron publicadas no Boletín Oficial da Provincia o pasado 23 de xullo e que as probas selectivas se celebraron o 10 de agosto. Para o BNG, estes prazos chegan tarde nunha campaña na que as altas temperaturas e a seca incrementan o risco de lumes forestais.

Os nacionalistas afirman que durante os últimos meses recibiron numerosas consultas de veciños das parroquias lucenses preocupados pola ausencia desta brigada, que cada verán desenvolve actuacións preventivas en distintos puntos do municipio.

O Concello de Lugo recibe este ano unha achega da Xunta de Galicia de 101.250 euros destinada á contratación do persoal dunha brigada de defensa contra incendios forestais. Este equipo ten como función principal realizar traballos de prevención e mantemento en zonas rurais das 54 parroquias do municipio.

Rubén Arroxo sostén que a prevención dos incendios require planificación e coordinación, e considera que os atrasos na contratación poden limitar a eficacia dun servizo que resulta especialmente relevante durante os meses de maior risco. Por iso, o BNG insta ao Executivo local a completar canto antes o proceso para que a brigada poida incorporarse ao seu labor nas parroquias lucenses.

0.12004995346069