O BNG critica que o 45 % do orzamento para asfaltados no rural se destine a unha actuación en Muxa

LugoXa
Os nacionalistas consideran "inxusta e difícil de xustificar" a actuación aprobada en Muxa e reclaman un reparto máis equilibrado dos investimentos nas parroquias
alexandre-penas
Actualizada el 22 julio 2026, 09:38 horas
21 Jul 2026

O BNG de Lugo criticou a decisión do Goberno local de destinar case a metade do orzamento propio para asfaltados na zona rural a actuacións que, segundo denuncia a formación nacionalista, benefician directamente os accesos á vivenda da concelleira de Rural.

O concelleiro Alexandre Penas explicou que a Xunta de Goberno Local aprobou onte o expediente para a pavimentación e mellora de viarios nas proximidades da N-640, en Santa María de Muxa, así como do camiño que comunica a igrexa con varias vivendas. A actuación conta cun investimento de 156.000 euros.

Segundo o BNG, esta contía representa arredor do 45 % dos 350.000 euros de fondos propios que o Concello destina este ano ás actuacións de asfaltado no rural, unha porcentaxe que considera "desproporcionada" tendo en conta as necesidades existentes no conxunto do municipio.

Alexandre Penas lembrou que Lugo dispón de arredor de 900 quilómetros de pistas rurais, polo que defendeu que os investimentos deberían distribuírse de maneira máis equilibrada entre as distintas parroquias. Neste sentido, asegurou que "queda claro que o PP non comprou á tránsfuga para mellorar a calidade de vida da veciñanza, só queren mellorar a súa; a concelleira de Rural gasta o 45 % do orzamento en revalorizar as súas propiedades".

O edil nacionalista criticou tamén que a responsable de Rural percorrera inicialmente as 54 parroquias comprometéndose a mellorar o estado das pistas e que agora, ao seu xuízo, reserve unha parte tan importante dos recursos para unha única zona.

Por este motivo, o BNG reclama ao Goberno local que explique os criterios empregados para distribuír os fondos e defende que os investimentos deben responder ás necesidades reais da veciñanza e garantir un reparto equitativo dos recursos públicos.

CONTESTACIÓN DO PP

O Grupo Municipal do PP no Concello de Lugo respondeu ás críticas do BNG sobre as obras previstas nos camiños de acceso a Pedreda e á igrexa de Santa María de Muxa, asegurando que as declaracións da formación nacionalista "carecen de calquera fundamento" e obedecen ao intento de crear "unha polémica artificial" arredor dunha actuación que consideran plenamente xustificada por motivos de seguridade viaria.

Os populares explican que existe un escrito presentado no Concello o 22 de febreiro de 2026 pola empresa concesionaria do transporte escolar no que se advertía do mal estado da pista e dos riscos que esta situación supuña para a prestación do servizo. Segundo indican, a empresa solicitaba unha intervención urxente para garantir a seguridade viaria.

O PP sostén que a actuación prevista no camiño que comunica a N-640 con Pedreda e no acceso á igrexa de Santa María de Muxa responde precisamente a esa demanda e ten como obxectivo solucionar un problema que, segundo afirman, "o anterior Goberno deixou sen atender".

En relación coas acusacións do BNG sobre un suposto beneficio persoal para a concelleira Flor Rubinos, o grupo popular asegura que as obras municipais non se programan en función do lugar de residencia dos membros do Goberno local, senón atendendo ás necesidades da cidadanía e ás peticións recibidas polo Concello. Ademais, subliña que a vivenda da edil está situada a tres quilómetros do punto no que se executarán os traballos, polo que considera "completamente falsa" a insinuación realizada polos nacionalistas.

O PP tamén acusa aos grupos que integraban o anterior Goberno local de intentar obter rendemento político de problemas que, segundo sostén, non resolveron durante o seu mandato. Como exemplo, cita o cruzamento das Gándaras, onde, tras o recente accidente mortal, o BNG reclamou a construción dunha rotonda, a pesar de que, segundo os populares, xa existía desde febreiro de 2022 unha solicitude formal do empresariado advertindo da necesidade desa actuación.

Finalmente, o grupo popular considera "moi significativo" que os partidos que, ao seu xuízo, deixaron sen atender durante anos as reclamacións da veciñanza pretendan agora cuestionar actuacións impulsadas polo actual Goberno local, e conclúe que "os lucenses esperan solucións, non insinuacións nin intentos de desacreditar actuacións plenamente xustificadas polo interese xeral e pola seguridade das persoas".

0.21212482452393