O BNG cualifica a posible moción de censura do PP e a concelleira non adscrita como un "golpe de Estado municipal"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o portavoz municipal de Lugo, Rubén Arroxo, xunto con outros representantes da formación, expresaron este mércores, 22 de abril, a súa “fondísima preocupación” pola situación política na cidade tras o anuncio do Partido Popular da súa intención presentar unha moción de censura contra o goberno local co apoio da concelleira non adscrita María Reigosa, á que cualifican de “tránsfuga”.
Pontón e Arroxo cualificaron esta iniciativa como un “golpe de Estado municipal” e afirmaron que “os lucenses non merecen isto”. A líder nacionalista sostivo que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, debe “rectificar”, ao considerar que “non se pode cambiar o votado nas urnas en 2023”, e cualificou a situación política de “noxenta”.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, afirmou que Lugo e a súa veciñanza merecen respecto e non ser utilizados polo PP e por Alfonso Rueda como “campo de xogo das súas estratexias políticas”, en referencia á posibilidade dunha moción de censura que cualificou de “indecente e sen escrúpulos” contra o actual goberno municipal.
Pontón puxo en valor o labor do executivo local e destacou o papel do tenente de alcalde, Rubén Arroxo, así como do conxunto de concelleiros e concelleiras do BNG, ao considerar que están a demostrar “que hai outra forma de facer política” baseada nun proxecto de cidade que pon ás persoas no centro.
A líder nacionalista cualificou a posible moción de censura como unha “vergoña democrática” que, segundo denunciou, non responde aos intereses de Lugo, senón a intereses partidarios. Nese sentido, acusou ao PP de actuar con motivacións alleas ao ben da cidade e advertiu da existencia de “pactos escuros” e dunha posible operación para alterar a vontade expresada nas urnas.
Pontón tamén criticou con dureza a hipótese de creación dunha praza pública para favorecer a unha tránsfuga, unha situación que considerou especialmente grave e que, de confirmarse, suporía un “escándalo democrático” e unha posible ilegalidade. Anunciou que o BNG fará seguimento desta cuestión e advertiu de que, de acreditarse irregularidades, os responsables deberán responder ante a xustiza.
A portavoz do BNG incidiu en que o Partido Popular “non ten maioría para gobernar a cidade” e que a cidadanía de Lugo xa decidiu o seu goberno, polo que considerou que esta iniciativa supón unha mensaxe de desprezo ao resultado electoral e á vontade popular. Tamén apelou a Alfonso Rueda a rectificar, ao entender que “non todo vale en política”.
Pontón concluíu que esta situación evidencia unha degradación política e advertiu de que terá consecuencias tanto para o PP de Lugo como para a dirección autonómica, ao tempo que defendeu o dereito da veciñanza a elixir democraticamente os seus gobernos sen manobras que alteren o resultado das urnas.
Pola súa banda, Arroxo definiu o acontecido como “inmoral e indecente” e denunciou que se estaría “aproveitando a morte de varias persoas con fins políticos”. Engadiu ademais que, ao seu xuízo, a candidata popular Elena Candia considera que Lugo é “un chanzo máis na súa carreira política” e que “segue a ver a cidade como un lugar de paso”.
Os representantes do BNG tamén sinalaron que “non pode ser casualidade” que neste contexto a Xunta convocase unha praza en comisión de servizos na Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, correspondente á Xefatura do Servizo do Litoral en Lugo, cun prazo de inscrición aberto ata o 27 de abril. Segundo afirmaron, esta situación motivou que as formacións locais trasladen á opinión pública a súa preocupación por uns movementos que, ao seu ver, responden a intereses persoais e políticos vinculados á edil non adscrita e aos seus pactos co PP.