O BNG de Baralla denuncia numerosas deficiencias na remodelación da LU-710 dúas semanas despois da súa inauguración

LugoXa
Os nacionalistas sinalan problemas nas biondas, riscos por desprendementos, deficiencias na drenaxe de augas e carencias de seguridade no paseo peonil e ciclista
BNG_Baralla
5 Aug 2026

O BNG de Baralla denunciou a existencia de múltiples deficiencias nas obras de remodelación da estrada LU-710, que une Baralla con Neira de Rei, apenas dúas semanas despois da súa inauguración oficial por parte da Consellería de Infraestruturas e do alcalde do municipio. Tras unha visita á zona, os nacionalistas aseguran que detectaron diversos problemas que, ao seu xuízo, comprometen a seguridade da infraestrutura.

Entre as incidencias observadas, destacan numerosos postes de suxeición sen amarre ás biondas, tramos destas barreiras de seguridade que permanecen sen unir e parafusos e porcas sen instalar ou sen apertar correctamente. Segundo o BNG, tamén poden verse restos destes elementos tirados no chan, tanto no paseo como na contorna da estrada, unha situación que consideran perigosa e que, aseguran, continúa sen solución pese ao tempo transcorrido desde a inauguración.

A formación nacionalista tamén alerta da ausencia de mallas antidesprendementos en boa parte do trazado, o que podería favorecer a caída de pedras sobre a calzada debido ás características do terreo. Ademais, denuncian a presenza de postes de telefonía e tendidos eléctricos derrubados ou suspendidos sobre a vía, sen que, segundo indican, se teña actuado para resolver esta situación.

Outro dos aspectos que preocupa ao BNG é o sistema de drenaxe das augas pluviais e de escorrentía. Os nacionalistas consideran insuficientes as canalizacións construídas na marxe dereita da estrada en dirección a Neira de Rei e advirten de que non serán capaces de absorber o caudal de auga que se produce na zona durante os meses de inverno. Sinalan ademais que xa se poden observar gabias colapsadas e tramos nos que a auga atravesa a estrada pese á ausencia de choivas nas últimas semanas.

O grupo lembra tamén que xa reclamara no seu día a rehabilitación da ponte de Neira de Rei dentro do proxecto, unha proposta que, segundo indican, non foi aceptada pola Xunta nin polo Concello.

No referente ao paseo peonil e ciclista construído á beira do río Neira, o BNG sostén que tamén presenta importantes deficiencias. Entre elas, menciona os danos provocados no firme durante a instalación posterior das biondas, así como a existencia de buratos sen reparar que poderían deteriorar o pavimento coa chegada das xeadas.

Os nacionalistas cuestionan igualmente a estabilidade da varanda de protección do paseo, asegurando que os seus postes presentan movementos apreciables ao exercer unha leve presión sobre eles debido ao sistema de cimentación empregado. Segundo o BNG, esta situación compromete a seguridade de peóns e ciclistas.

A formación tamén critica o deseño da senda, que discorre entre unha varanda que consideran pouco segura e a parte posterior das biondas da estrada. Neste sentido, advirten de que os elementos metálicos das barreiras poderían incrementar o risco de lesións graves en caso de caída.

Outra das críticas fai referencia ao remate do paseo na ponte de Neira de Rei. Segundo o BNG, a senda finaliza sen conexión adecuada coa ponte, o que impide o acceso directo dos usuarios procedentes desa zona e obriga a moitos ciclistas a continuar pola propia estrada.

Ademais, denuncian problemas noutro tramo da senda, entre a Ponte de San Miguel e a igrexa parroquial, onde a proximidade entre o carril de circulación e o espazo reservado para peóns e bicicletas provoca, segundo afirman, invasións frecuentes da senda por parte dos vehículos.

Por último, o BNG responsabiliza ao alcalde de non supervisar adecuadamente a execución das obras e de permitir a inauguración da actuación sen que, ao seu xuízo, se corrixisen previamente todas as deficiencias detectadas.

0.12286806106567