O BNG de Lugo acusa ao PP de “aproveitarse da morte de tres persoas” para impulsar unha moción de censura

LugoXa
Rubén Arroxo sostén que circulan rumores sobre posibles beneficios persoais e reclama aclaracións ao Partido Popular e á edil implicada
Rubén Arroxo, BNG Lugo
21 Apr 2026

O portavoz do BNG en Lugo, Rubén Arroxo, criticou a postura do Partido Popular liderado por Elena Candia, ao que acusa de “estar a tratar de aproveitarse da morte de tres persoas para levar adiante unha moción de censura en contra da decisión das urnas en maio de 2025”.

Arroxo asegurou que nos últimos días están a circular rumores entre a veciñanza da cidade que apuntan a que a edil María Reigosa podería obter algún beneficio persoal a cambio de apoiar esta moción de censura. Neste sentido, reclamou publicamente tanto a Candia como a Reigosa que “aclaren se isto é verdade ou non”. Segundo o portavoz nacionalista, “se isto é certo, ademais da inmoralidade e falta de ética que están a amosar, estariamos ante o maior escándalo da historia da política galega”.

O dirixente do BNG cualificou a situación de “inmoral e indecente” e insistiu en que se estaría a “aproveitar a morte de varias persoas” con fins políticos. Tamén afirmou que, ao seu xuízo, “para Elena Candia Lugo só é un chanzo máis na súa carreira política”, engadindo que a líder popular “segue a ver Lugo como un lugar de paso”.

Arroxo tamén criticou o silencio da dirixente popular e pediu que “deixe de gardar silencio e explique se os rumores son certos ou non”, en referencia ás posibles implicacións legais arredor da participación de concelleiros considerados tránsfugas nun eventual goberno xurdido dunha moción de censura.

O portavoz do BNG concluíu reafirmando o seu compromiso político coa cidade e sinalou que “seguiremos traballando para mellorar a vida das e dos lucenses, facendo do concello un lugar mellor”.

0.11763596534729