O BNG de Lugo propón crear unha zona pública de baño no Miño na contorna de O Muíño

O BNG de Lugo propuxo aproveitar o novo espazo creado na contorna do antigo restaurante O Muíño para habilitar unha zona pública de acceso ao baño no río Miño. A formación considera que as actuacións realizadas nesta área transformaron a contorna e abriron novas posibilidades para facilitar o acceso da cidadanía ao río.
O portavoz nacionalista Rubén Arroxo lembrou que a formación leva tempo defendendo a creación de distintos puntos de acceso ao baño no Miño, co obxectivo de que a veciñanza poida gozar do río en diferentes localizacións e sempre de maneira compatible coa protección ambiental.
Neste sentido, Arroxo destacou as posibilidades que ofrece o novo espazo habilitado xunto ao antigo restaurante O Muíño, indicando que a configuración actual da zona crea unha oportunidade que antes non existía. Segundo explicou, a proposta pasa por acondicionar a área situada na nova escaleira para facilitar un acceso público ao río.
Desde o BNG subliñan ademais que o lugar presenta condicións favorables para este tipo de actuacións. A formación lembra que o punto proposto atópase fóra da Rede Natura 2000 e que xa foi resolta a situación derivada da presenza de especies protexidas de mexillón de río. Antes do inicio das obras de reparación do caneiro da Acea foi necesario trasladar arredor de 15.000 exemplares destas especies, unha actuación que permitiu posteriormente continuar cos traballos.
Os nacionalistas consideran que, unha vez superadas estas cuestións e avanzadas as obras na zona, é o momento de estudar a creación dun acceso acondicionado e seguro ao río, cunha actuación respectuosa coa contorna e que amplíe as posibilidades de uso público e lecer vinculadas ao Miño.
Rubén Arroxo defendeu que Lugo debe continuar fortalecendo a súa relación co río e aproveitar as oportunidades que permitan achegalo á veciñanza.