O BNG de Lugo propón un espazo novo para humanizar a esquina do nº2 de Montero Ríos

O portavoz do BNG de Lugo, Rubén Arroxo, presentou a proposta do BNG para o espazo da antiga vivenda en ruínas do nº2 de Montero Ríos. A proposta do BNG elimina o actual “tapón urbanístico”, mellora a accesibilidade e crear un novo espazo público na contorna, cunha nova zona de sombra e un "pequeno espazo público".
A idea presentada hoxe supón construír un muro de contención que evite crear unha esquina pechada no Carril das Flores." Deste xeito, a beirarrúa da rúa Montero Ríos, que actualmente ten apenas 60 centímetros de ancho, pasaría a superar os 1,20 metros establecidos pola normativa de accesibilidade, facilitando o paso de carriños de bebé, cadeiras de rodas e persoas con mobilidade reducida", dixo Rubén Arroxo.
O BNG propón aproveitar a superficie liberada para instalar unha marquesiña na parada de autobús —unha das máis utilizadas da cidade, tamén por persoas que se desprazan ao HULA— e crear unha pequena praza con bancos e árbores. Arroxo anunciou que o BNG preguntará ao Goberno municipal que actuación contempla para esta zona. Ademáis, Arroxo anunciou que o BNG trasladará formalmente esta alternativa, que considera “a máis acaída” para resolver os problemas urbanísticos, de accesibilidade e de falta de espazo público existentes neste punto.
O inmoble foi adquirido definitivamente polo Concello hai aproximadamente un mes, despois dun proceso iniciado hai algo máis dun ano. O BNG destaca que esta actuación ten unha "importancia significativa" dado que se ubica nun punto onde conflúen dous bens Patrimonio da Humanidade: o Camiño Primitivo, no Carril das Flores, e a muralla de Lugo. "Por este motivo, a transformación da rúa e a demolición da antiga pasarela precisaron dos informes preceptivos de Patrimonio", lembrou Rubén Arroxo, que destacou a renovación do Carril das Flores, iniciada polo BNG no goberno da cidade, como unhaactuación destinada a mellorar un dos puntos de maior degradación urbana da cidade.