O BNG de Lugo reclama ao goberno local a execución inmediata da renovación das rúas 1 e 2 do cemiterio de San Froilán

LugoXa
Arroxo denuncia que o proxecto está completo a nivel administrativo e pide avanzar nunha obra de mellora do pavimento e servizos no recinto municipal
BNG-espazo-cemiterio-lugo
30 May 2026

O portavoz do BNG en Lugo, Rubén Arroxo, acompañado pola exresponsable da área municipal do cemiterio de San Froilán, Cristina López, esixiu ao actual goberno local a posta en marcha da obra de renovación das rúas 1 e 2 do Cemiterio Municipal.

Segundo explicou Arroxo, trátase dun proxecto “completamente tramitado a nivel administrativo” durante a etapa de xestión do BNG, polo que unicamente resta a súa execución material. O portavoz nacionalista reclamou axilidade para levar a cabo unha actuación que considera necesaria para a mellora dun espazo de uso público moi transitado.

Desde o BNG destacan que nos últimos anos se realizou un importante esforzo de conservación e mellora do Cemiterio Municipal de Lugo, un dos poucos recintos públicos destas características existentes no Estado. Neste sentido, consideran que esta intervención supón “un paso máis” na renovación e mantemento do espazo.

O proxecto, impulsado desde a área de Participación, foi adxudicado á empresa SANLE S.L. por un importe de 120.195,48 euros. A actuación céntrase na renovación integral do firme das vías interiores, comezando co fresado da superficie actual para posteriormente instalar un novo pavimento de formigón impreso.

Ademais, prevese a incorporación dunha canle de drenaxe para a recollida de augas pluviais ao longo das calzadas, a adaptación das pendentes ás vías lindeiras e a instalación de canalizacións e arquetas destinadas aos servizos eléctricos.

Arroxo insistiu en que se trata dunha intervención necesaria para garantir a conservación e funcionalidade dun espazo de grande afluencia cidadá e pediu ao goberno municipal que proceda á súa execución sen máis demoras.

0.14137697219849