O BNG de Lugo reclama aprobar a obra da rotonda de Benigno Rivera no Ceao

LugoXa
Rubén Arroxo e Alexandre Penas piden levar á Xunta de Goberno a adxudicación da renovación da intersección entre Benigno Rivera e Infanta Elena, cun orzamento de 123.450 euros
BNG-Lugo-rotonda-de-Benigno-Rivera-con-Infanta-Elena-Ceao
22 May 2026

O portavoz do Bloque Nacionalista Galego de Lugo, Rubén Arroxo, xunto co edil de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, reclamaron ao goberno local que leve á vindeira Xunta de Goberno a aprobación definitiva da contratación da obra que permitirá a renovación da rotonda de Benigno Rivera coa avenida Infanta Elena, así como dos treitos de conexión coa N-VI e a A-6, unha actuación que, segundo sinalan, xa completou todo o proceso administrativo e só está pendente da adxudicación.

Arroxo destacou que nos últimos sete anos o Bloque Nacionalista Galego realizou un esforzo importante para manter en boas condicións as zonas industriais da cidade e cualificou esta intervención como un novo paso na mellora do polígono do Ceao. O proxecto, impulsado desde a área de Mobilidade, prevé a renovación integral do firme, co fresado da capa actual e a instalación dunha nova mestura asfáltica en quente, ademais da aplicación dunha capa de rego de adherencia con emulsión bituminosa, o axuste dos rexistros e o repintado da sinalización horizontal, co obxectivo de mellorar a seguridade viaria e resolver os problemas de acumulación de auga na zona.

A mesa de contratación celebrouse o pasado 7 de maio e propuxo a adxudicación da obra á empresa Canarga SL por un importe de 123.450 euros. Agora, a proposta deberá ser aprobada en Xunta de Goberno para que os traballos poidan iniciarse canto antes, coa intención de aproveitar o período de mellor climatoloxía.

Desde o goberno municipal, o BNG subliña ademais que a intervención reducirá ao máximo as afeccións ás persoas traballadoras da zona, xa que se establece que as obras se executen en horario nocturno, entre as 22:00 e as 06:00, tendo en conta o elevado volume de tráfico da contorna e buscando minimizar o impacto sobre a mobilidade mentres se mellora a seguridade na área de traballo.

0.1145761013031