O BNG de Lugo rexeita a moción de censura do PP e chama á mobilización cidadá

LugoXa
A formación nacionalista cualifica de “inaceptable” a situación e pide respecto ao resultado das eleccións municipais de 2023
Asemblea-BNG-moción-de-censura-Lugo
24 Apr 2026

O BNG celebrou unha asemblea aberta en Lugo na que militantes e simpatizantes analizaron a situación política no Concello tras a presentación dunha moción de censura por parte do Partido Popular co apoio dunha edil tránsfuga. Durante o encontro, o portavoz municipal, Rubén Arroxo, cualificou a iniciativa como “indecente e inaceptable”, chegando a definila como un “golpe de estado”.

Arroxo criticou ademais que o Partido Popular estea a actuar nun contexto marcado polo falecemento recente de tres concelleiros, unha circunstancia que describiu como “absolutamente tráxica”, e que, ao seu xuízo, está sendo utilizada politicamente.

Na asemblea, as persoas asistentes coincidiron en sinalar que o Partido Popular non pode situarse por enriba da decisión expresada pola cidadanía nas eleccións municipais de maio de 2023. Militantes e simpatizantes amosaron a súa indignación ante unha moción de censura que, segundo sosteñen, evidencia unha forma de facer política baseada en non aceptar os resultados das urnas.

A formación nacionalista tamén anunciou o seu apoio á mobilización convocada pola plataforma cidadá Transfuguismo NON democracia SI, prevista para este venres, 24 de abril, ás 19:00 horas na Praza Maior de Lugo. Dende o BNG insistiron na necesidade de “respectar a decisión tomada pola veciñanza de xeito democrático hai tres anos”.

0.14293193817139