O BNG de Outeiro de Rei valora positivamente a idea dun bus lanzadeira que os una con Lugo

LugoXa | TerraChaXa
A iniciativa responde ás demandas veciñais reiteradas sobre un servizo "necesario entre os dous concellos"
reunion-bng-lugo-e-outeiro
16 Apr 2026

O BNG de Outeiro de Rei valorou positivamente a proposta emitida pola Tenencia de Alcaldía do Concello de Lugo para facilitar a mobilidade entre os dous concellos poñendo en marcha un servizo lanzadeira que comunique o Concello co transporte público da cidade de Lugo. O BNG de Outeiro entende que esta é unha petición moi reclamada por veciñas e veciños das urbanizacións limítrofes co concello de Lugo e reclamou ao alcalde da vila que "deixe de polemizar" e atenda ás comunicacións que chegan ao concello a través do correo electrónico "especialmente cando se trata dunha iniciativa que permitirá mellorar a mobilidade das e dos veciños de Outeiro".

A proposta trasladada pola área de Mobilidade de Lugo consiste na posta en marcha dunha liña de bus en Outeiro de Rei que comunique ás veciñas e veciños co límite do Concello de Lugo, facilitando que a veciñanza poida facer uso das liñas de transporte público da cidade mediante un sistema de transbordo coordinado. Isto permitiría unha conexión directa da veciñanza de outeiro co transporte público de Lugo.

O BNG de Outeiro de Rei destaca que hai un importante número de veciños e veciñas que traballan en Lugo, polo que esta proposta responde "a unha necesidade real de comunicación entre ambos concellos". A proposta permitirá mellorar o acceso ao transporte público, favorecer a mobilidade sostible e dar resposta ás necesidades reais da veciñanza de Outeiro, impulsando ao mesmo tempo a cooperación entre concellos limítrofes. Dende o BNG aclarouse que a proposta foi enviada por correo electrónico ao concello de Outeiro de Rei o luns 13 de abril sobre as 14.30 horas.

0.11758589744568