O BNG de Pol leva a pleno unha moción para esixir á Xunta servizos sanitarios dignos no concello

Pol
LugoXa | TerraChaXa
Branca Fernández: “A veciñanza de Pol non pode seguir dependendo de parches nin de consultas a medias; o que lle corresponde é unha atención sanitaria pública estábel”
bng-pol-mocion-servizos-sanitarios
26 Jun 2026

O BNG de Pol, a través da súa portavoz municipal, Branca Fernández defenderá no vindeiro pleno unha moción para reclamar á Xunta de Galiza que garanta de maneira inmediata a asistencia sanitaria no concello e cubra todas as prazas de persoal do centro de saúde, diante do deterioro continuado da atención primaria que sofre a veciñanza.

Esta moción forma parte da campaña que o BNG de Pol esta levando adiante pola defensa da sanidade no concello, e tamén das conversas mantidas coa veciñanza na campaña de recollida de sinaturas que se estivo levando adiante nestes meses.

Con esta moción o BNG de Pol quere deixar claro a situación pola que atravesa actualmente o centro de saúde de Pol, onde as persoas que pertencían ao cupo do médico xubilado continúan sen ter unha atención sanitaria normalizada e estábel. Na práctica, o Sergas está a cubrir esa ausencia con prolongacións de xornada doutros dous facultativos, o que se traduce en consulta só tres días á semana —luns, mércores e venres—, mentres que o resto dos días os pacientes teñen que ser asumidos polo outro médico do centro ou desprazarse ao PAC de Meira, un servizo que tamén atravesa unha situación de precariedade.

A esta situación engádese ademais a decisión da Xunta de non cubrir baixas nin reforzar a atención sanitaria durante o verán, unha política que no caso de Pol só serve para agravar un problema que xa vén de atrás. Isto significa, na práctica, consolidar a falta de cobertura da vacante existente no centro de saúde e perpetuar un modelo baseado en prolongacións de xornada, consultas limitadas e sobrecarga do persoal, en lugar de garantir unha atención estábel e continuada á veciñanza. Para o BNG, esta forma de actuar evidencia que o PP asume como normal que o rural teña unha sanidade cada vez con menos recursos e máis dificultades para acceder a un dereito básico.

A portavoz municipal do BNG en Pol, Branca Fernández, denunciou que “o que está a facer o Partido Popular coa sanidade pública no rural é un auténtico desmantelamento por capítulos, a base de recortes, parches e abandono”. Fernández advertiu de que “non estamos ante un problema puntual nin ante unha incidencia pasaxeira, senón diante dunha forma de gobernar que considera que a veciñanza do rural e unha veciñanza de segunda e que por iso pode conformarse con menos dereitos, menos servizos e máis dificultades para acceder a algo tan básico como unha consulta médica”.

Desde o BNG lembran que a sanidade pública é unha competencia exclusiva da Xunta de Galiza e consideran que o Goberno galego está a incumprir a súa obriga de garantir unha atención sanitaria de calidade, accesíbel e de proximidade. “Nun concello como Pol, envellecido e disperso, non se pode pretender que a xente viva con incerteza permanente de que cando chegue ao centro de saúde vai ser atendida”, sinalou Branca Fernández.

Para o BNG, a situación require unha resposta clara por parte de toda a corporación municipal. “Estamos ante un asunto que afecta directamente á calidade de vida da veciñanza e que debería estar por riba de calquera cor política. O que agardamos é que o pleno fale cunha soa voz para defender o dereito da nosa xente a ter unha sanidade pública digna”, indicou Fernández.

“O dereito á sanidade pública non pode depender do lugar no que vives nin dos teus recursos económicos. Vivir no rural non pode converterse nun castigo”, concluíu Branca Fernández.

0.1263599395752