O BNG de Pol reclama unha actuación inmediata do Concello no mantemento das vías municipais

Pol
LugoXa | TerraChaXa
Branca Fernández: "Non chega con pasar a desbrozadora; hai que garantir que os accesos aos núcleos queden realmente limpos e en condicións de seguridade"
bng-pol-mantemento-vias-municipais
15 Jul 2026

O BNG de Pol denuncia o "deficiente estado" de conservación de numerosas vías municipais e reclama ao alcalde que garanta un mantemento axeitado da rede viaria, tanto no relativo á limpeza da maleza como á reparación das fochancas que dificultan a circulación.

A portavoz municipal do BNG, Branca Fernández, visitou nos últimos días distintos puntos das parroquias de Milleirós, Valonga e Caraño, tras recibir queixas da veciñanza polo "mal estado" dos accesos aos núcleos de poboación.

Segundo explicou, "o problema non é só que os traballos cheguen tarde, senón que en moitos casos se executan mal. Hai vías nas que se pasou a desbrozadora, pero quedaron xestas e maleza que seguen a invadir as marxes, impedindo unha correcta visibilidade e dando a sensación de que o traballo quedou a medias".

Dende o BNG de Pol sinalan como exemplo o acceso ao lugar de Susá, na parroquia de Valonga, "onde continúa habendo tramos sen limpar e un firme cheo de fochancas". Ademais, mesmo despois do paso da maquinaria, parte da maleza permaneceu sen retirar. Segundo trasladou a propia veciñanza, esta situación repítese por segundo ano consecutivo.

"É evidente que estes traballos non se están supervisando como deberían. O Concello paga por un servizo que debe executarse correctamente e é responsabilidade do alcalde asegurarse de que os accesos aos núcleos queden limpos e en condicións axeitadas para quen os utiliza diariamente", afirmou Branca Fernández.

A portavoz nacionalista lembrou tamén que este asunto foi levado ao último pleno municipal, onde o BNG preguntou tanto polo estado do mantemento das vías como pola limpeza das faixas secundarias de protección fronte aos incendios, sen obter respostas satisfactorias.

Para o BNG, o estado actual da rede viaria municipal evidencia a falta de prioridade que o Goberno local concede aos servizos básicos. "A veciñanza merece vías seguras e ben conservadas. O alcalde debe deixar de destinar recursos a actuacións que pouco repercuten no día a día da cidadanía e incrementar o investimento no mantemento das estradas municipais, que é unha das principais demandas da poboación", concluíu Branca Fernández.

Desde o BNG de Pol esixen que o Concello actúe de inmediato para completar correctamente os traballos de roza nos accesos aos núcleos de poboación e poña en marcha un plan de reparación das fochancas que mellore a seguridade e a mobilidade nas vías municipais.

0.11198401451111