O BNG defenderá en Lugo unha iniciativa para mellorar os recursos económicos das asociacións

O BNG trasladará á comisión municipal de Participación unha iniciativa para reclamar ao goberno "máis flexibilidade" nas condicións que se impoñen ás asociacións veciñais á hora de acometer obras nas escolas rurais municipais. A edil Cristina López lembrou que "o Goberno pretende cobrar unha taxa por obras en edificios que son propiedade do propio Concello", e engadiu "non ten sentido que melloren espazos municipais e teñan que asumir este tipo de custos".
As asociacións veciñais da zona rural veñen utilizando as escolas rurais municipais para o desenvolvemento das súas actividades. Moitas destas entidades son beneficiarias de subvencións da Xunta de Galiza destinadas á mellora destas instalacións, contribuíndo así ao mantemento e dinamización do rural. Segundo explicou Cristina López, o Grupo Municipal do BNG recibiu diversas queixas por parte destas asociacións, derivadas da decisión do novo goberno municipal de obrigalas a pagar a taxa de comunicación de obra ao executar actuacións vinculadas a estas subvencións.
O BNG solicitará na comisión que o Goberno explore todas as vías legais dispoñibles para evitar que estas entidades teñan que facer fronte a esta taxa, "facilitando así o labor social e comunitario que desenvolven no rural lucense", dixo.