O BNG denuncia a paralización da rotonda de Santo Graal con Ángelo Colocci tras a chegada do PP ao goberno de Lugo

LugoXa
Alexandre Penas asegura que o proxecto estaba listo para adxudicar e critica que o executivo municipal queira volver estudar a súa viabilidade
Rubén-Arroxo-Alexandre-Penas
19 Nov 2026

O BNG preguntou na comisión de Urbanismo celebrada pola situación do proxecto para construír unha rotonda no cruzamento das rúas Santo Graal e Ángelo Colocci, unha intervención que quedou pendente de adxudicación e execución tras a chegada do PP ao goberno municipal mediante a moción de censura.

O concelleiro nacionalista Alexandre Penas criticou a postura do executivo local, que respondeu na comisión que a súa intención era "estudar a viabilidade" do proxecto. Para o edil, esta cuestión xa está resolta, xa que, segundo lembrou, o BNG deixou a actuación proxectada e preparada para adxudicar e iniciar as obras. "O PP ten o proxecto feito e listo para adxudicar e comezar a obra canto antes", sinalou.

Penas advertiu de que a construción da rotonda permitiría eliminar un dos puntos negros con máis accidentes de tráfico da cidade. Ao seu xuízo, volver abrir estudos sobre unha intervención que xa foi analizada supón "un atraso innecesario que mantén a parálise que se impuxo na cidade nos últimos sete meses".

O edil lembrou que o pasado mes de outubro o goberno municipal do PP, co apoio da concelleira tránsfuga, eliminou as partidas orzamentarias reservadas para mellorar a fluidez do tráfico en diferentes puntos de Lugo, entre elas a correspondente ao cruzamento de Santo Graal con Ángelo Colocci. O BNG deseñara estas actuacións co obxectivo de mellorar a circulación e garantir a seguridade viaria tanto dos peóns como das persoas que se desprazan en vehículo.

"O PP ten que explicar á veciñanza por que non quere eliminar un dos puntos nos que máis accidentes se están a producir", afirmou Penas. O concelleiro tamén sostivo que a chegada dos populares ao goberno está a frear sete anos de actuacións en materia de mobilidade.

Como exemplo dos resultados deste modelo de intervencións, o nacionalista referiuse aos cruces de San Eufrasio e Fontiñas, que cualificou como puntos conflictivos cando o BNG chegou ao goberno municipal. Segundo explicou, tras a actuación executada nese ámbito, os accidentes reducíronse ata practicamente desaparecer.

"Desde o BNG estivemos aplicando este modelo en diferentes zonas da cidade e en todas se cumprían os obxectivos principais: mellorar a seguridade viaria e garantir a fluidez do tráfico", subliñou. A formación considera que cada día de atraso na intervención de Santo Graal supón manter situacións de risco que poderían evitarse e reclama que a seguridade viaria sexa unha prioridade na axenda municipal.

0.15431594848633