O BNG denuncia as carencias no despregamento da fibra óptica en Lugo e reclama actuacións urxentes ao Goberno

LugoXa | TerraChaXa | RibeiraSacraXa
Néstor Rego alerta de que milleiros de fogares seguen sen conexión de calidade e advirte do aumento da fenda dixital no rural
Néstor-Rego-BNG
29 Apr 2026

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, denunciou as importantes deficiencias no despregamento da fibra óptica nas comarcas de Lugo, unha situación que, segundo sinala, está a deixar milleiros de fogares sen acceso a unha conexión de internet de calidade e agravando a fenda dixital, especialmente nas zonas rurais. Ante este escenario, a formación nacionalista exixe ao Goberno do Estado actuacións urxentes para corrixir estas carencias e garantir a conectividade da cidadanía.

Segundo os datos do Informe de Cobertura de Banda Larga de 2023, unicamente o 63,01 % das vivendas de Lugo contan cunha conexión de polo menos 100 megas, o que sitúa a provincia entre os territorios con peor acceso do Estado. En termos absolutos, estímase que 28.429 fogares dos 137.472 existentes non dispoñen de fibra óptica.

Rego considera que esta situación é “absolutamente inaceptable” e evidencia, ao seu xuízo, o fracaso das políticas do Goberno en materia de conectividade no rural galego. Ademais, sostén que en moitos casos non só non se avanza, senón que incluso se retrocede, ao quedar vivendas sen servizo tras a retirada do cobre e a desaparición de conexións ADSL previas.

O deputado nacionalista advertiu tamén de casos especialmente graves como o do Concello de Cervantes, onde só o 11,03 % dos fogares teñen acceso á fibra óptica. A esta realidade súmanse outros municipios como Ribeira de Piquín, Folgoso do Courel, Negueira de Muñiz ou Muras, todos eles con porcentaxes inferiores ao 20 %. Segundo Rego, nestas condicións resulta imposible fixar poboación e desenvolver proxectos de vida dignos no rural.

O BNG sostén que os problemas de conectividade non afectan unicamente ás zonas máis afastadas, senón tamén a espazos próximos á cidade de Lugo, como o paseo fluvial ou a parroquia de Galegos, onde, segundo denuncia, a veciñanza continúa sen acceso á fibra óptica.

Outro dos aspectos cuestionados pola formación é a falta de resposta das compañías de telecomunicacións, ás que acusa de prestar unha atención neglixente ás persoas usuarias. Para Rego, existe unha situación de indefensión da veciñanza, que non atopa solucións nin por parte das empresas nin da Administración.

Neste contexto, o BNG considera que o Goberno non pode seguir amparándose no Programa ÚNICO-Banda Larga, ao entender que o seu desenvolvemento no rural está a ser claramente insuficiente. A formación denuncia que as empresas están a incumprir compromisos adquiridos malia recibir subvencións públicas, deixando fóra do despregamento as zonas menos rendibles.

Por todo isto, o Bloque reclama ao Executivo estatal que recoñeza a gravidade dos datos de cobertura en Lugo e adopte medidas inmediatas para revertelos, garantindo que ningún fogar quede sen acceso á fibra óptica, especialmente no medio rural.

Rego demanda tamén unha maior supervisión do cumprimento das obrigas por parte das empresas beneficiarias de fondos públicos, incluíndo inspeccións e, se procede, sancións ás compañías incumpridoras. Finalmente, insta a poñer en marcha unha estratexia efectiva que asegure a igualdade no acceso a internet de calidade en todo o territorio galego.

“O acceso a internet de calidade non é un luxo, é un dereito básico e unha condición imprescindible para o desenvolvemento económico, social e demográfico do país”, concluíu o deputado nacionalista.

0.11869192123413