O BNG denuncia o bloqueo da renovación das naves municipais da Milagrosa

LugoXa
Alexandre Penas asegura que o proxecto integral e a partida orzamentaria xa estaban preparados antes da moción de censura
Arroxo-e-Penas-naves-municipais-Milagrosa-2026
8 Oct 2026

O BNG denuncia que o mal estado das naves das brigadas municipais situadas no Parque da Milagrosa se mantén pola falta de avance dun proxecto de renovación que, segundo a formación, quedou preparado antes da moción de censura. O edil nacionalista Alexandre Penas asegurou que o PP leva cinco meses "bloqueando" unha actuación que, ao seu xuízo, xa podería estar en execución.

Penas explicou que o BNG deixou elaborado desde a área de Infraestruturas Urbanas un proxecto para acometer unha reforma integral das instalacións utilizadas polas distintas brigadas municipais. A actuación estaba acompañada, segundo sinalou, da correspondente partida orzamentaria e tiña como finalidade mellorar as condicións de traballo do persoal e dotar os equipos de espazos adecuados para desenvolver as súas tarefas.

Entre as intervencións previstas figura a renovación das cubertas das naves, unha actuación considerada prioritaria ante as filtracións de auga e o deterioro progresivo que presenta a instalación. O proxecto tamén contempla actuacións específicas no interior de cada nave, así como traballos de impermeabilización e reparación de portas, fiestras e outras estancias que se atopan en mal estado.

A proposta abrangue as instalacións empregadas polas brigadas de obras, rural, parques e xardíns, augas, servizos electromecánicos e sinalización viaria.

O concelleiro do BNG destacou o papel destes equipos municipais na atención ás necesidades da cidade e sinalou que "atenden cada ano a centos de reclamacións veciñais de xeito rápido e efectivo". Por este motivo, considerou necesario que dispoñan dunhas instalacións adecuadas para realizar o seu traballo.

Penas tamén cuestionou que, segundo afirmou, o actual Goberno municipal non avanzase na actuación durante estes meses. "O PP fala de mellorar as condicións do persoal municipal pero nestes meses non deron nin un só paso en levar adiante esta actuación", afirmou.

O BNG vincula así as queixas do persoal municipal polo estado das naves coa falta de execución do proxecto que, segundo a formación, xa estaba redactado e contaba cunha dotación orzamentaria antes do cambio de Goberno municipal.

0.15953516960144