O BNG denuncia que a brigada contra incendios de Lugo comezará a traballar "catro meses tarde"

LugoXa
Rubén Arroxo acusa o Goberno local do PP de "falta de planificación" e lembra que o convenio coa Xunta para financiar o servizo foi asinado en abril
BNG-Lugo-arroxo-brigadas-forestais
19 Aug 2026

O BNG de Lugo criticou o atraso na posta en marcha da brigada municipal de defensa contra os incendios forestais, despois de que este mércores se formalizase finalmente o nomeamento do persoal que formará parte do dispositivo. A formación nacionalista asegura que o servizo comezará a funcionar "catro meses tarde" e atribúe esta demora á xestión do actual Goberno local do PP.

O portavoz municipal do BNG, Rubén Arroxo, considera que a situación evidencia unha "enorme falta de planificación" nun servizo que resulta especialmente relevante durante os meses de maior risco de incendios. Segundo sinalou, noutros anos a brigada xa se atopaba plenamente operativa a mediados de agosto, mentres que nesta campaña os traballadores comezarán a desenvolver agora as súas funcións.

Arroxo incidiu ademais en que o atraso se produce nun verán marcado pola falta de precipitacións e por unha elevada preocupación ante o risco de lumes. A situación quedou patente tamén no municipio co incendio forestal declarado o pasado xoves, 13 de agosto, no lugar de Penarrubia, na parroquia lucense de Orbazai.

Neste contexto, o portavoz nacionalista cuestionou que a brigada municipal aínda non estivese operativa. "No verán máis seco dos últimos anos vemos como o Partido Popular chega catro meses tarde e esta brigada aínda comezará a traballar agora", afirmou.

O BNG lembra que o convenio entre a Xunta de Galicia e o Concello de Lugo para este servizo foi asinado o pasado 22 de abril. O acordo contempla unha achega de 101.250 euros por parte do Goberno autonómico destinada á contratación do persoal que integra a brigada. Segundo explican os nacionalistas, o procedemento quedou paralizado tras a moción de censura do 7 de maio e non chegou a completarse ata este mes de agosto.

A brigada encárgase cada verán de realizar tarefas de prevención e acondicionamento de terreos nas 54 parroquias do municipio. Desde o BNG aseguran que ao longo da tempada estival recibiron numerosas peticións de veciños preocupados por non ver en funcionamento un dispositivo que en anos anteriores xa desenvolvía estes traballos.

Arroxo vinculou a demora coa xestión dos primeiros meses do PP á fronte do Concello e acusou o Executivo municipal de recorrer á improvisación. Para o portavoz nacionalista, esta forma de actuar está provocando que a veciñanza perda servizos que considera importantes.

"A loita contra os incendios forestais é unha cuestión que require de planificación e boa execución", concluíu Arroxo, quen reclamou unha maior previsión na organización dos recursos destinados á prevención dos lumes no municipio.

0.1143741607666