O BNG destaca o avance das obras do Carril das Flores e pide axilizar a eliminación do tapón urbanístico

O portavoz do BNG, Rubén Arroxo, puxo en valor o avance das obras de transformación do Carril das Flores, unha actuación que, segundo destacou, está a cambiar de maneira significativa este espazo e permitirá mellorar a conexión entre o barrio de Fontiñas e o centro histórico de Lugo.
Arroxo lembrou que este proxecto foi impulsado durante o anterior mandato municipal e subliñou que a súa execución supón "unha mellora substancial para a mobilidade e a imaxe urbana de Lugo", ao tempo que destacou a importancia deste punto, situado entre dous patrimonios da humanidade e integrado no trazado do Camiño Primitivo.
O portavoz nacionalista sinalou, non obstante, que aínda queda pendente resolver a supresión do denominado tapón urbanístico da antiga vivenda situada no inicio de Montero Ríos e do Carril das Flores. Por este motivo, reclamou ao actual Goberno local que actúe con rapidez para completar esta intervención "canto antes".
Segundo explicou, o anterior executivo municipal deixou preparados todos os trámites necesarios para incorporar este predio ao espazo público. A parcela está situada no Carril das Flores, fronte ao número 18, e en Montero Ríos número 2. Conta cunha superficie construída de 126 metros cadrados e alberga unha edificación en estado ruinoso, da que só permanecen os muros exteriores e interiores da planta baixa, correspondente ao soto da rúa Montero Ríos.
Desde o BNG lembran que, polas súas dimensións e localización, o solar é inedificable na actualidade e a súa situación condiciona as obras de remodelación que se están a executar nesta zona.
Os nacionalistas tamén fixeron balance das actuacións desenvolvidas nos últimos sete anos para renovar o percorrido do Camiño Primitivo ao seu paso por Lugo. Entre elas destacan as intervencións realizadas nas zonas do Castelo e da Chanca para reforzar a seguridade peonil, así como a remodelación do Carril das Flores para mellorar a súa integración urbana e paisaxística.
Segundo indicou Arroxo, o obxectivo destas actuacións é dignificar o paso do Camiño de Santiago pola cidade, permitindo que as persoas peregrinas poidan gozar dun itinerario renovado que combina o valor patrimonial da Muralla de Lugo coa integración dos tres patrimonios da humanidade presentes no percorrido.