O BNG homenaxea a Alexandre Bóveda e ás vítimas do franquismo no Día da Galiza Mártir

O BNG lembrou este 17 de agosto a figura de Alexandre Bóveda e a todas as persoas vítimas da represión franquista cunha ofrenda floral ante o busto de Moncho Reboiras, situado nas inmediacións do Vello Cárcere de Lugo, escollendo este espazo de reparación e memoria para conmemorar o Día da Galiza Mártir.
Durante o acto, o vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, destacou o significado desta xornada e lembrou que o 17 de agosto foi establecido como Día da Galiza Mártir en lembranza do asasinato de Alexandre Bóveda, fusilado polas tropas fascistas o 17 de agosto de 1936 na Caeira, en Poio.
Castro sinalou que Bóveda se converteu nun símbolo de todas as mulleres e homes que loitaron pola liberdade e polos valores democráticos durante a ditadura. “O 17 de agosto é tamén unha data de homenaxe a todas as persoas que loitaron para que hoxe nós mesmos, e toda a cidadanía, poidamos exercer a política e expresar libremente as nosas ideas”, afirmou.
A elección do busto de Moncho Reboiras como escenario da homenaxe responde tamén á súa importancia dentro da memoria democrática de Galicia. O vicepresidente provincial lembrou que Reboiras está recoñecido como a última vítima oficial da ditadura franquista en Galicia.
O Día da Galiza Mártir foi instaurado en 1942 por iniciativa da Irmandade Galega de Bos Aires. A organización escolleu o aniversario do fusilamento de Alexandre Bóveda para honrar a súa memoria e a da xeración que defendeu a liberdade, a democracia e os dereitos colectivos fronte ao fascismo.
Pola súa banda, o Goberno local de Lugo celebrou o seu acto institucional de homenaxe a Alexandre Bóveda e ás vítimas da represión franquista no Vello Cárcere, un acto que non contou coa participación do Partido Socialista nin do BNG, ambas as dúas formacións na oposición municipal. Os socialistas xa anunciaran a súa decisión de non acudir e cualificaron de “cinismo” a actuación do Goberno de Elena Candia en materia de memoria democrática, ao lembrar que o Concello non cedera o Vello Cárcere en xuño para unha visita institucional do secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez.